Barreiros activa o programa +Mocidade para ofrecer alternativas de lecer á rapazada durante o verán

O Concello de Barreiros vén de poñer en marcha unha nova edición do programa +Mocidade Barreiros, unha proposta estival deseñada especificamente para nenos e nenas do municipio co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e promover a implicación activa da mocidade na vida social.
A iniciativa desenvolverase en dúas quendas diferenciadas: a primeira terá lugar do 14 ao 18 de xullo, mentres que a segunda estenderase do 8 ao 14 de agosto. Poderán participar todas as crianzas nacidas entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2012, cunha programación adaptada ás súas idades e intereses.
As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo entre o 30 de xuño e o 3 de xullo, ben nas oficinas municipais, ben a través da sede electrónica do Concello. Desde o goberno local animan ás familias a consultar as bases e obter máis información na web oficial www.concellodebarreiros.gal.
Con este programa, o Concello reafirma o seu compromiso co benestar infantil e xuvenil, ao tempo que ofrece recursos útiles para as familias durante o período estival.