Barreiros acomete a reforma integral da cafetería do Centro Social de San Cosme

O Concello de Barreiros vén de dar luz verde á adxudicación das obras de reforma completa da cafetería situada no Centro Social de San Cosme. Trátase dunha actuación integral que abranguerá tanto o acondicionamento exterior como interior do inmoble, así como a instalación de novo equipamento que permita poñer en funcionamento o espazo con todas as garantías.
As obras foron licitadas a finais de abril, logo da redacción dos proxectos técnicos e memorias necesarias para dar resposta ás deficiencias detectadas no edificio. Finalmente, a intervención foi adxudicada á empresa Calicanto Obras y Proyectos, SL, por un importe de 53.569,10 euros, lixeiramente inferior ao orzamento inicial de 54.088,33 euros.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, destacou que esta actuación “responde á necesidade de dispor dun local con condicións axeitadas para a súa explotación como cafetería, co obxectivo de ofrecer servizo á veciñanza e fomentar a actividade social no centro da parroquia”.
No que respecta ás actuacións previstas no exterior do edificio, os traballos centraranse principalmente na eliminación das humidades mediante a impermeabilización da fachada. Ademais, substituirase a actual lousa por un novo revestimento que permita mellorar o illamento térmico e, por tanto, a eficiencia enerxética do local. Tamén está contemplada a construción dunha nova cuberta e a renovación das portas de acceso.
No interior, levarase a cabo a actualización completa das instalacións de fontanería e electricidade, adaptándoas á normativa vixente. Inclúese a substitución das luminarias, a dotación de auga quente sanitaria e o pintado integral do espazo.
Por outra banda, o Concello tamén prevé dotar o local do mobiliario e electrodomésticos necesarios para a actividade hostaleira, de xeito que quede listo para a súa posterior explotación.
O prazo máximo de execución das obras é de catro meses, polo que se estima que unha vez rematadas, xa entrado o outono, se poderá iniciar o proceso para a adxudicación do uso do local ás persoas interesadas.