Barreiros acollerá un curso sobre iniciación á apicultura e preparación das colmeas

AMariñaXa
O curso, que é gratuíto e será impartido por persoal especializado da Casa do Mel de Goente
casa-do-mel-goente
1 Out 2024

Barreiros será o escenario dun curso sobre iniciación á apicultura e preparación das colmeas para o inverno. Esta actividade está promovida pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e conta coa colaboración do Concello de Barreiros. O curso, que é gratuíto e será impartido por persoal especializado da Casa do Mel de Goente, terá lugar os días 5, 6, 19 e 20 de outubro na escola de Celeiro de Mariñaos.

A formación dividirase en dúas partes: unha teórica e outra práctica, que se realizará nun colmeal da Rexa, en Celeiro de Mariñaos. Entre os temas que se abordarán están a retirada do mel excedente, o control do alimento necesario para a supervivencia das abellas e a colocación dos tratamentos precisos para as colmeas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través do correo electrónico casadomel@vodafone.es ou chamando ao teléfono 661 003 616.

Esta iniciativa forma parte dun programa de formación en apicultura que a área de Rural está desenvolvendo co obxectivo de actualizar e ampliar os coñecementos dos apicultores e apicultoras, así como de fomentar o interese por esta actividade entre a xente nova. Desde o pasado mes de xuño, xa se teñen realizado actividades formativas similares noutros concellos como O Valadouro, Vilalba, Xove, Pantón, Muras, Cervo e Mondoñedo.

0.16663193702698