Barreiros acollerá o exame para a certificación galega en competencias dixitais ComDix

AMariñaXa
A proba de nivel iniciación celebrarase o 25 de febreiro na aula CeMIT do Teleclub de San Cosme
1-aula-cemit-vicedo-ordenadores
19 Jan 2026

O Concello de Barreiros volve situarse como sede dunha proba oficial en competencias dixitais coa celebración do exame ComDix, promovido pola Xunta de Galicia. A convocatoria oficial foi publicada este venres, 16 de xaneiro, no Diario Oficial de Galicia (DOG), e o prazo de inscrición abrirase o luns 19 e permanecerá aberto ata o mércores 28 de xaneiro.

No caso de Barreiros, a proba realizarase o mércores 25 de febreiro, ás 10:00 horas, na aula CeMIT situada no Teleclub de San Cosme. Esta certificación galega, baseada no Marco Europeo de Competencias Dixitais (DigComp), avala o nivel de habilidades dunha persoa no manexo das tecnoloxías dixitais, tanto en ámbitos persoais como profesionais.

Desde o Concello destacan que a celebración desta proba no municipio facilita o acceso á formación dixital da veciñanza sen necesidade de desprazamentos a outras localidades. Toda a información sobre os requisitos, o proceso de inscrición e a convocatoria poderá consultarse na páxina web da Rede CeMIT, cemit.xunta.gal, a partir do 19 de xaneiro, coincidindo coa apertura do prazo de inscrición.

Esta iniciativa reforza o compromiso da Administración galega de achegar formación e certificacións oficiais en competencias dixitais a toda a cidadanía, fomentando así a alfabetización tecnolóxica e mellorando a empregabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.075550079345703