Barreiros acollerá as III Xornadas Etnográficas da Mariña cun programa que reivindica a tradición galega

AMariñaXa
O evento, que se celebrará do 30 de maio ao 1 de xuño, contará con Xabier Díaz e Lagharteiras como protagonistas principais
Barreiros-III-xorandas-tecedeira-2025
8 May 2025

A cultura popular galega volverá ser protagonista en Barreiros coa celebración das III Xornadas Etnográficas da Mariña (XEAM), que terán lugar do 30 de maio ao 1 de xuño, consolidándose como unha cita imprescindible para a difusión e posta en valor das tradicións da comarca e do país. A organización corre a cargo da asociación Tecedeira, coa colaboración do Concello de Barreiros e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da Área de Mocidade.

O primeiro avance do programa foi presentado esta mañá no Concello, xunto coa liña gráfica desta edición, deseñada polo artista mariñao DAViXiNO.

Nesta terceira entrega, destacan como figuras principais Xabier Díaz e o grupo Lagharteiras, recoñecidos referentes na música tradicional galega. Díaz ofrecerá o encontro "Metendo as mans na terra", onde relatará a súa experiencia nas recollidas de campo e o traballo de recreación musical a partir das melodías transmitidas oralmente, moitas delas recollidas da tradición feminina. A proposta permitirá ao público achegarse á riqueza das muiñeiras e á súa vixencia no século XXI.

Pola súa banda, Lagharteiras, cunha traxectoria de máis de quince anos, presentarán un espectáculo centrado na forza da voz e da percusión, reinterpretando pezas do seu propio arquivo etnográfico, resultado de anos de investigación e conservación de cantares, instrumentos e traxes tradicionais.

Como anticipo das xornadas, o 16 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas, celebrarase na Praza do Concello o concerto "Traspielas" de Su Garrido Pombo, unha proposta audiovisual que mestura música e imaxes a partir de pezas tradicionais recollidas pola propia artista na súa aldea, poñendo o foco na memoria e na cultura popular.

O programa completo das XEAM incluirá tamén faladoiros, exposicións, mostra etnográfica, concertos e unha foliada aberta, na que participarán diversas agrupacións da Mariña. A organización anunciará todos os detalles nas vindeiras datas.

As Xornadas Etnográficas da Mariña confírmanse como un espazo de encontro interxeracional, onde tradición, reflexión e festa conviven para celebrar o patrimonio inmaterial galego.

⚙ Configurar cookies
0.16481590270996