Barreiros acollerá a VII Concentración Retroclásicos na praia de Coto

AMariñaXa
Coches, motos e unha ruta costeira centran a cita, que se celebrará o 23 de agosto cunha comida de confraternidade e entrega de premios
retroclasicos-Barreiros
8 Aug 2025

O municipio de Barreiros converterase, un ano máis, no epicentro da paixón polos vehículos antigos coa celebración da VII Concentración Retroclásicos, organizada pola Asociación Retroclásicos de Barreiros coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo. A cita terá lugar o sábado 23 de agosto na contorna da praia de Coto, ofrecendo unha xornada repleta de motor, historia e espírito de confraternidade.

A partir das 10:00 horas abriranse as portas para recibir participantes e visitantes nunha exposición aberta ao público de motos e coches clásicos. Desde a organización destacan que se agarda a presenza de vehículos procedentes de diferentes puntos de Galicia e tamén doutros territorios, consolidando así o evento como un referente no calendario de concentracións.

Ás 14:30 horas, participantes e acompañantes compartirán unha comida de irmandade no restaurante A Yenka, punto de encontro para os amantes do mundo retro. Xa pola tarde, sobre as 16:00 horas, comezará unha ruta polas praias de Barreiros, na que os vehículos desfilarán por algúns dos espazos costeiros máis emblemáticos do concello.

Como é habitual, a partir das 19:00 horas procederase á entrega de trofeos e premios especiais. Haberá galardóns para o participante máis veterano, o máis novo, o club máis numeroso, o vehículo máis antigo e tamén para o participante que chegue desde máis lonxe, recoñecendo así o esforzo e a paixón dos asistentes. A organización lembra que será necesario presentar documentación para acreditar a antigüidade dos vehículos ou a pertenza aos clubs participantes.

O prezo da inscrición inclúe a participación no evento, a comida, sorteos e outros detalles. Establécese unha tarifa de 35 euros para adultos e 15 euros para nenos ata 14 anos. As inscricións permanecerán abertas ata o 21 de agosto, podendo formalizarse no teléfono 697 35 60 90, contactando con Pedro.

Desde a Asociación Retroclásicos de Barreiros animan a toda a veciñanza e visitantes a achegarse á praia de Coto para gozar dunha xornada na que o patrimonio sobre rodas será o gran protagonista.

⚙ Configurar cookies
0.20852589607239