Barreiros acolle un taller de pilotaxe de drons

AMariñaXa
Durante a xornada, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as partes fundamentais destas aeronaves
taller-drons-barreiros
10 Ago 2024

Celebrouse un taller de pilotaxe de drons en Barreiros, no que participaron as rapazas e rapaces da Asociación de Pais e Nais de Nen@s con Discapacidade da Mariña de Lugo (APNED). Durante a xornada, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as partes fundamentais destas aeronaves non tripuladas, a normativa pola que se rexen as zonas de voo, e, por suposto, experimentar a emoción de pilotar drons nun circuito deseñado especialmente para a ocasión.

Conforme avanzaba a xornada, os rapaces e rapazas superaban probas cada vez máis complexas, demostrando unha precisión crecente no manexo dos aparatos. O evento contou coa presenza da alcaldesa do Concello de Barreiros, Ana Ermida, a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, e a concelleira de Igualdade, Montse Porteiro.

Ana Ermida subliñou a importancia de dar a coñecer estas aeronaves non tripuladas dunha maneira lúdica, facendo fincapé en que “non se trata simplemente dun mero xoguete. Os drons xa se están a utilizar en moitos procesos de innovación empresarial e tamén ante emerxencias e controis de desastres, ao poder chegar de forma máis rápida e segura para facer un diagnóstico grazas ás súas cámaras”.

Moitas empresas precisan “destas ferramentas e de persoas profesionais para o seu manexo, polo que estas experiencias de pilotaxe de drons, aparte de potenciar as súas habilidades, o feito de comezar en idades temperás pode descubrir unha paixón e un futuro profesional”. A actividade foi organizada desde a aula CeMIT do Concello de Barreiros, que conta cun equipamento disruptivo co cal se trata de aumentar o interese da rapazada polas profesións tecnolóxicas.

0.18786215782166