Barreiros acolle un obradoiro de teatro totalmente aberto
O Concello de Barreiros acolle un obradoiro de teatro impartido polo Colectivo Cultural Ollomol. Será un espazo aberto a todas as persoas interesadas en explorar a súa creatividade e aprender nun ambiente acolledor.
A actividade terá lugar o domingo 19 de xaneiro, de cinco a oito da tarde, nos Colexios Vellos de San Miguel de Reinante. O obradoiro está dirixido tanto a principiantes como a persoas con experiencia previa, coa finalidade de ofrecer un espazo onde gozar, aprender e descubrir o poder transformador do teatro.
Esta iniciativa busca fomentar a confianza persoal, mellorar a comunicación e a empatía, e facilitar a expresión das emocións, ademais de promover a conexión entre os participantes nun ambiente de aprendizaxe e convivencia. A participación é libre e sen compromiso previo, polo que todas as persoas interesadas están convidadas a asistir e desfrutar dunha tarde diferente e enriquecedora.