Barreiros acolle un curso sobre mellora xenética nas colmeas con vinte apicultores participantes

Un grupo de vinte apicultores participa esta semana en Barreiros nun curso centrado na mellora xenética das colmeas, unha acción formativa promovida pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co obxectivo de reforzar a profesionalización do sector e asegurar a continuidade da apicultura como actividade principal ou complementaria.
A formación, que se desenvolve con todas as prazas cubertas, é impartida por persoal especializado da Casa do Mel de Goente. O programa combina contidos teóricos sobre selección e técnicas de reprodución das abellas con prácticas nun apiario situado na Ínsua, en Cabarcos.
Na primeira xornada, celebrada na escola de Barreiros situada xunto á Casa do Concello, participaron o deputado de Rural, Daniel García; a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; e o concelleiro de Rural e Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, que deron a benvida ás persoas asistentes e puxeron en valor a importancia da apicultura no medio rural.
O deputado destacou que esta formación busca “mellorar e actualizar os coñecementos do sector, facilitando a súa continuidade como actividade viable tanto a nivel profesional como complementario”.
Este curso en Barreiros forma parte da segunda edición do programa de formación impulsado pola área de Rural da Deputación, que ao longo do ano chegará a diferentes puntos da provincia. Neste momento, tamén está en marcha un curso de iniciación á apicultura no Concello de Cervantes, iniciado esta fin de semana e que continuará os días 17 e 18 de xullo.