Barreiros abre o prazo de inscrición nas actividades deportivas para persoas adultas

O Concello de Barreiros vén de anunciar unha nova edición do seu programa de actividades deportivas dirixido a persoas adultas. O prazo de inscrición dará comezo o luns 8 de setembro e contará cun período preferente para as persoas empadroadas, que se estenderá ata o venres 19. A partir do luns 22, ás 8:30 horas, abrirase tamén o acceso libre para o resto da veciñanza.
A oferta deportiva desta tempada abrangue propostas variadas como ximnasia, pilates, ioga en dúas modalidades (suave e vivo), zumba, actividades para o coidado da costas e clases de baile.
As sesións desenvolveranse desde o 1 de outubro de 2025 ata o 28 de maio de 2026. A actividade de baile, pola súa banda, prolongarase ata o 20 de xuño do mesmo ano.
Toda a información sobre horarios, prezos e inscricións pode consultarse a través da páxina web municipal.