Balseiro esixe ao Goberno solución inmediata para os parques eólicos que afectan a Alcoa

O senador do Grupo Parlamentario Popular por Lugo, José Manuel Balseiro, reclamou no Senado unha solución urxente para os parques eólicos vinculados ao subministro de Alcoa, que perderon os seus permisos de acceso e conexión, poñendo en risco a actividade da única fábrica de aluminio primario de España. Balseiro instou á vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, a cumprir co prometido e desbloquear a situación, lembrando que a viabilidade da planta depende de garantir unha subministración eléctrica estable e a prezos competitivos.
Durante a sesión de control ao Goberno, o senador popular denunciou que o Executivo central deixou caducar as autorizacións administrativas de cinco parques eólicos de competencia estatal, impedindo así que Alcoa poida utilizar enerxía renovable e con prezos máis estables para a súa reactivación. "O seu Goberno prometeu un estatuto de apoio para a industria electrointensiva e o que aprobaron foi unha norma insuficiente", criticou Balseiro, que pediu á ministra unha data concreta para solucionar o problema.
O popular tamén lembrou que Alcoa xera preto de 2.000 empregos, entre directos e indirectos, e que a inacción do Goberno supón unha ameaza para milleiros de familias da Mariña lucense. "Moitas familias dependen desta industria e seguen esperando que cumpran co prometido", advertiu.
Balseiro reprochou que a administración estatal demorase a resolución da declaración de impacto ambiental dos parques eólicos, tal e como admitiu por escrito o propio Goberno en resposta a unha pregunta parlamentaria. Segundo o senador, esta falta de previsión e compromiso impide que Alcoa dispoña dunha subministración enerxética que lle permitiría ser competitiva.
"O sector industrial en España precisa garantías e estabilidade, pero vostedes non cumpren. Mentres outros países europeos aseguran prezos competitivos para as súas industrias electrointensivas, o PSOE fai que España sexa diferente para mal", lamentou Balseiro.
Ademais, sinalou que a Xunta de Galicia "fixo os seus deberes", ao autorizar os parques eólicos da súa competencia, completar a declaración de impacto ambiental en tempo e forma e asinar un memorando de entendemento co Goberno central para desbloquear a situación. Porén, segundo denunciou, o Executivo de Pedro Sánchez incumpriu os seus compromisos e chegou incluso a suspender unilateralmente a Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade de Alcoa, sen fixar unha nova data para a súa reactivación.
"Levan quince meses de atrasos e os traballadores seguen sen respostas. Cando pensan deixar de tomarlle o pelo á Mariña?", preguntou Balseiro á ministra Aagesen.
O senador lucense concluíu advertindo que "o Goberno está facendo todos os méritos para pechar Alcoa" e instouno a actuar con urxencia. "Non podemos permitirnos perder a única fábrica de aluminio primario do país. Se non están preparados para cumprir co prometido, márchense", sentenciou.