Balseiro anima ao BNG a romper os seus pactos de Goberno co PSdeG
“Se non conseguen o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para a apertura do dique norte de Morás e a autovía da Mariña”, di Balseiro.
O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro animou no Parlamento galego aos deputados do BNG a romper os pactos de goberno que teñen na provincia de Lugo co PSdeG “se non conseguen o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez para a apertura do dique norte de Morás e a autovía da Mariña”. Ante a negativa a esta solicitude, o Grupo Popular viuse obrigado a votar en contra “dunha iniciativa trampa dos nacionalistas, que prefiren manterse nos gobernos en coalición cos socialistas na provincia antes que esixir ao Goberno de Pedro Sánchez o cumprimento das súas demandas en beneficio dos veciños da Mariña”.
José Manuel Balseiro afirmou que “os nacionalistas galegos teñen un problema de credibilidade” e lembrou “cando intentaron enganar aos veciños da Mariña dicindo que se ía pechar o hospital, cando a verdade é que logo da ampliación ten máis camas, máis servizos e máis consultas”.
“Non poden disfrazarse en plataformas que se manifestan contra os eólicos e ao mesmo tempo dicir que queren pechar Vestas ou esquecer que os primeiros que nos piden axilizar a posta en marcha da enerxía eólica son os traballadores de Alcoa”, apuntou.
O deputado popular lembrou que “na Mariña sufrimos unha crise industrial derivada da política enerxética do Goberno de Pedro Sánchez” e criticou que o BNG “está no mesmo saco que os socialistas, xa que co seu voto fixeron presidente a Sánchez”.