Balbino cumpriu anos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
16 Feb 2021

Por Pablo Veiga

Nada menos que sesenta. Aló na Arxentina viu a luz,  país onde tivo que emigrar o autor de  Memorias dun neno labrego, a obra en lingua galega con máis exemplares vendidos, entorno ós sete centos mil, e traducida a unha ducia de idiomas. Xosé Neira  Vilas, quen naceu a carón do río Ulla, na aldea de Gres, concello de Vila de Cruces, en 1928, sendo un mozo, como estaban a facer milleiros de compatriotas, agarrou a maleta e cruzou o Atlántico. Primeiro en Buenos Aires e posteriormente en Cuba, onde permanecería ata o ano noventa e dous, cando retornou definitivamente ata o seu pasamento, en dous mil quince.

Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre.  A presentación non pode ser máis elocuente e contundente ó mesmo tempo. Son os anos corenta, a continuación dunha guerra con vencedores e derrotados, época de escaseza, cando non de miseria, onde este neno describe con pesar e desacougo un entorno no que cada un xoga o seu papel e onde semella que nada poda cambiar. Mais el non se rende. Vai á escola, onde un mestre que veu de Andalucía, ruín el, apréndelles o básico, porque para fozar na terra tampouco se precisan maiores coñecementos. Por suposto, a lingua vehicular non é a que fala a xente, que queda postergada nesa transmisión de coñecementos. Balbino tiña que madrugar antes para axudar nas labores do campo, polo que chegaba canso a unha escola que era grande, pero na que apenas había nenos. E a quen lle imporataba…

Pero Balbino, pertencente ó amplo grupo dos pobres, os perdedores e para os que a xustiza nin amparaba nin reparaba, non se resignou a esa situación estandarizada. O seu inconformismo levouno a rebelarse contra o caciquismo e o abuso de poder ós que se vía sometido, el e os seus, chegando a posturas auténticamente insubmisas.

Neira Vilas soubo mellor que ninguén plamar a realidade do País neses anos. A Galicia Rural pariu a centos, a miles de Balbinos e Balbinas, rapaces e rapazas que viviron uns tempos escuros e de sufrimento. Foron os homes e mulleres que masivamente colleron os bártulos e marcharon alén dos mares na procura dun futuro con diferentes expectativas. Chegaron a destinos algúns próximos en canto a distancia e a outros moito máis lonxe, nos países europeos tales como Suiza, Francia ou Inglaterra, e por suposto, como o propio escritor don Xosé, en América.

Os tempos mudaron, vaia se o fixeron. Independentemente de que existan diferenzas económicas e sigan a visualizarse, en maior ou menor medida, alguns dos males que se reflicten en Memorias dun neno labrego, o Balbino de hoxe vai á escola, ben vestido e aseado, aprende idiomas, xeografía, coñecemento do medio e prepárase para o día de mañá ser o que el decida ser. Na casa dispón de dun móbil, táblet ou ordenador, ou das tres cousas, e a súa dignidade está intacta, como tamén a da súa familia. O gran problema é que cada vez quedan menos Balbinos e Balbinas.

0.16287684440613