Balance positivo do primeiro mercado dos mércores de Ribadeo na nova ubicación

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Maio 2020

O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance positivo do mercado semanal dos mércores, que hoxe se reanudou nunha nova ubicación, no aparcadoiro municipal. Foron 21 os postos montados, dos 28 habituais de produtos agroalimentarios. O rexedor dixo que o cambio de localización non obedece a un capricho, senón que se trata dunha medida para dar cabida a todos os vendedores que acoden a esta cita cumprindo con todas as esixencias e normativas legais ditadas polo Estado. 

O alcalde dixo que “desde o Concello de Ribadeo debemos facer unha valoración moi positiva de como se está desenvolvendo este primeiro mercado dos mércores nesta nova ubicación. Debemos destacar que son 21 dos 28 postos de produtos agroalimentarios, que tradicionalmente estaban sendo autorizados na ubicación do entorno da praza de abastos. Decidimos, unha vez oídos aos técnicos municipais, movelo para o aparcamento público detrás da Avenida de Galicia, tendo en conta as estritas normativas de ámbito estatal que nos obrigan aos Concellos a tomar en consideración”.

Suárez Barcia explicou que “hai que reducir a un 25% a ocupación de postos sobre un terzo do aforo de como viña sendo, a non ser que os Concellos poidamos ampliar as súas superficies para manter as distancias físicas de seguridade, dos corredores, da distancia entre postos, da distancia entre vendedores e compradores, etc… Polo tanto decidimos xa cambialo de ubicación para este aparcamento público para lograr nos próximos días, agardamos que sexa a curto prazo, dar cabida ao resto de postos que na actualidade viñan vendendo no mercado dos mércores”.

O rexedor manifestou que “é comprensible agora que todo o mundo se ten que adaptar a unha nova realidade, tanto os vendedores como os compradores. Os vendedores teñen que manter unha distancia de seguridade, non poden permitir que os clientes manipulen o produto, etc…, e os consumidores tamén teñen que manter as normas de distanciamento físico. Pero entre todos temos que facelo moi ben, como hoxe se estivo facendo, para dar a imaxe, ao mundo e á comarca, de que o mercado de Ribadeo é seguro”.

Fernando Suárez indicou que “o cambio non foi por unha cuestión caprichosa, foi para intentar dar cabida a todos, porque no período máis breve posible teremos que dar cabida a todos, sempre loxicamente cumprindo con todas as prescricións legais que nos vaian emitindo desde os ámbitos de decisión, que non son precisamente municipais. As normas márcaas o Estado, os Concellos simplemente temos que cumprilas, pero coa maior seguridade, coa maior eficacia e coa maior eficiencia, e facéndoo o mellor posible”.

O alcalde engadiu: “creo que hoxe, dando unha volta polo mercado, tanto os produtores como os compradores estaban agradados de compartir, de volver a verse e volver adquirir produtos nun entorno saudable e agradable como é o mercado de Ribadeo na nova ubicación”.

O mercado dos mércores volveu unicamente con produtos agroalimentarios e os veciños e veciñas de Ribadeo achegáronse a facer as súas compras ao longo desta mañá.

O vindeiro sábado haberá mercado da horta. Este manterase no entorno da praza de abastos. 

0.10567212104797