Balance moi positivo da Feira Renacentista de Viveiro
O Concello de Viveiro realiza un balance moi positivo do Mercado Renacentista, que se celebrou na localidade dende o pasado xoves e rematou onte, domingo 9 de xullo.
“O Mercado Renacentista supón, tras o Resurrection Fest, un importante impulso para a economía de Viveiro no mes de xullo, unha cita xa consolidada como un referente de ocio e turismo”, recalca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
“O sector servizos, as perruquerías, as costureiras e o comercio en xeral tiveron moita actividade, cumprindo o noso obxectivo cando decidimos no concello que o mercado fora no mes de xullo e uns días despois do Resurrection”, engade Loureiro, que adianta “un mes de agosto moi bo, as previsións de ocupación son altas”.
Esta 14ª edición do mercado, organizada polo Concello de Viveiro, contou cun amplo programa de actividades e espectáculos con opcións para distintas idades, alén dos tradicionais postos do mercado. A cita estivo marcada polo desembarco de Carlos V, celebrado o pasado venres, e que supón un dos puntos diferenciadores desta festa de recreación histórica.
Dende o Concello de Viveiro agradécese a participación de todas as persoas que se achegaron á celebración, na súa maioría con traxes de época. Tamén traslada o seu agradecemento a entidades como Sala 5 ou á Banda de Tambores da Piedade pola súa colaboración.