Avelino González leva o seu dobre espectáculo sobre a lingua galega á Sala Bahía de Foz

O actor e humorista Avelino González chega este venres á Sala Bahía de Foz cunha proposta escénica singular e chea de retranca: “GPA”, un espectáculo que se divide en dúas versións distintas —“Galego Pra Adolescentes” e “Galego Pra Abrirmundos”—, adaptadas a diferentes públicos pero cun mesmo fío condutor: a defensa e o goce da lingua galega a través do humor, da reflexión e da observación cotiá.
A primeira función será ás 12:00 horas, destinada ao público escolar, aínda que, como sinala o propio actor, “non se vai pedir carnet de menor de idade pra entrar”. Nela, González propón unha mirada divertida e provocadora sobre o galego como ferramenta útil para a mocidade, poñendo o acento nas oportunidades que ofrece e na súa capacidade para “aforrar tempo de estudo”.
Xa pola tarde, ás 20:30 horas, celebrarase a segunda sesión, aberta a público de todas as idades, baixo o título “Galego Pra Abrirmundos”, na que o actor convidará a reflexionar sobre como a lingua galega tamén pode axudar a aforrar cartos ás familias, sempre desde a ironía e a complicidade co espectador. “Ser é unha conferencia espectáculo sobre o galego, o idioma, non a xente”, resume González con humor, deixando claro que a súa intención non é dar unha lección, senón compartir unha experiencia colectiva chea de sentido e risa.
O espectáculo combina filoloxía emotiva, psicoloxía de andar por casa e socioloxía de sobremesa, segundo as súas propias palabras. Ao longo da función, o artista emprega exemplos tan variados como o surf, a selección española de fútbol feminino, Zara ou Isabel a Católica para ilustrar os seus argumentos a favor da lingua galega, mesturando cultura popular, historia e vida cotiá nun relato que transita entre o monólogo cómico e a conferencia lúdica.
“É divertido comprobar como segundo o idioma que fales, a túa relación ca xente cambia”, asegura Avelino, quen reivindica o galego como unha ferramenta viva, flexible e próxima, capaz de conectar ás persoas máis alá de prexuízos ou fronteiras xeracionais.
O actor convida a todas e todos os asistentes a descubrir a lingua desde outra perspectiva, sen solemnidade nin artificio, mais coa emoción e a naturalidade de quen fala o que sente. “A lingua é esa cousa que usamos sen ser conscientes de que a usamos, con toda a normalidade, sen problema; e que, de cando en vez, sacámola. Por rir”, conclúe o intérprete, resumindo así o espírito dunha proposta que promete tanto risas como reflexión.