Avanzan a bo ritmo as obras de mellora viaria en Foz

As obras de mellora viaria no municipio de Foz continúan a un ritmo constante tanto no casco urbano como nas parroquias. O alcalde, Francisco Cajoto, anunciou que a reforma da Avenida da Mariña avanza segundo o previsto e que, tras finalizar o suelocemento, a vindeira semana realizarase o aglomerado. O obxectivo é abrir a circulación nesta vía clave antes de Semana Santa.
Ademais, proseguen os traballos de movemento de terras e canalizacións no novo viario de acceso ás Torres, así como a canalización de pluviais e bordos na intersección de Illa Nova con Sarria. Tamén se completou a limpeza das marxes en varios viais de Cordido e Marzán, actuacións que agora continúan en Vilaxoane.
O Concello asinou xa o contrato entre a Deputación e a empresa Grupo Bascuas para a mellora de varias estradas e vías principais, como Corporacións, Mijail Gorbachov, a estrada Rapadoira-Llas, a subida ao Bispo Santo, a estrada Cordido-Moucide, a estrada á Hermida e o acceso á Basílica, así como o entorno do colexio de Nois. Estes traballos iniciaranse en breve.
O 5 de maio reiniciaranse as obras no eixo que conecta a Glorieta de Vilalba co Campo da Cabana, e nestes días estanse finalizando as intervencións de reposición da condución de saneamento en Paco Maañón. Nos meses de marzo e abril, acometerase a reposición do firme nas rúas Cervantes e Avenida de Viveiro.
Por outra banda, o vindeiro martes comezarán os traballos de bacheo en distintos puntos do concello con persoal propio, e nos próximos días iniciarase o arranxo dos accesos ao Souto de Vilarmea, en Fazouro.
Francisco Cajoto subliñou que estas actuacións forman parte dun plan integral de mellora viaria que busca incrementar a seguridade e comodidade na circulación por todo o municipio.