Avanza o proxecto de recuperación do Faro de Burela
O proxecto de recuperación do Faro de Burela posto en marcha polo Concello avanza a moi o ritmo e xa está instalado o novo molde. Na pasada primavera, o Concello obtivo a aprobación dos dous proxectos presentados ao programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) na convocatoria correspondente a este ano. O FEMPA é xestionado a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso, do GALP A Mariña-Ortegal.
O primeiro dos proxectos é ‘Burela alumea - O espello do Faro’, creado en torno ao patrimonio material pesqueiro e á súa conservación e difusión. Este proxecto xira arredor do novo molde do Faro de Burela para reparar os desperfectos que sufriu co temporal do ano 2014. A reparación do molde e a realización dunha obra artística na estrutura exterior do faro contribuirán “a poñer en valor o patrimonio cultural material e inmaterial de Burela, dándolle vida á tradición e a cultura mariñeira”, explica a alcaldesa, Carmela López.
A iniciativa está enfocada ademais a promover a participación das mozas e mozos de Burela, que exercerán como “detectives e difusores do patrimonio pesqueiro da vila a través de obradoiros de radio e fotografía”, sinala López. O segundo proxecto aprobado denomínase ‘Ondas limpas - Programa de sensibilización e acción ambiental na contorna da Marosa’. Céntrase na concienciación comunitaria arredor do coidado do medio ambiente.