Avanza o proxecto de dragado no porto de Foz tras un ano de parálise

A Asociación A Ribeira de Foz informa que xa chegou a Portos de Galicia o informe necesario do Ministerio de Transición Ecolóxica, a través da Dirección Xeral de Costas e Mar, para que continúe co expediente de declaración de impacto ambiental do “Proxecto de dragado no porto de Foz”, que estaba paralizado desde fai un ano. Este paso é crucial para que a tramitación e execución final do proxecto da Consellería do Mar e Portos de Galicia poidan avanzar.
"A tramitación do expediente será reactivada, e o máis importante é que os fondos necesarios para executar o proxecto xa están consignados, polo que o dragado da canle de acceso aos peiraos e do peirao principal debe continuar sen máis demora", sinalan desde a asociación..
A Asociación A Ribeira de Foz celebra este avance, que responde a unha demanda histórica e colectiva da asociación en consenso cos colectivos profesionais e deportivos de Foz. O primeiro dragado proxectado ten previsto extraer 8.044 m³ do peirao e 34.671 m³ da canle de acceso, cun orzamento inicial de máis de 780.000 euros, que se ampliará a preto de 1,4 millóns de euros, dado que ao longo dos próximos tres anos tamén se realizarán dragados de mantemento segundo as necesidades da sedimentación na canle e peirao.
Dende a asociación, "comprometémonos a seguir de cerca a evolución do proxecto e a pedir a máxima axilidade para que o dragado se leve a cabo canto antes. Así mesmo, tamén insistimos na urxencia da remodelación do Porto Chico de Foz, fundamental para mellorar a seguridade da flota e aumentar o número de prazas de atraque. A mellora do Porto Chico debe concretarse xa en orzamentos para facer realidade o proxecto definitivo e levar a cabo a obra. O noso obxectivo é lograr a remodelación integral das zonas portuarias de Foz, consolidando ao mesmo tempo a súa presenza no mapa galego do turismo náutico e atendendo as necesidades do sector profesional", engadiron.