Autorizada a licitación da planta de biorresiduos de Cervo
A planta de Cervo prevé dar servizo a 15 municipios cunha poboación de 70.000 habitantes, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, mentres a de Verín prevé favorecer a 24 municipios e máis de 52.000 habitantes.
O Consello da Xunta autorizou a licitación da obra e posta en marcha de dúas das catro plantas de compostaxe industrial —unha por provincia— que estarán integradas na nova rede galega de valorización de residuos orgánicos. Trátase das instalación de Cervo e de Verín (Ourense), por un importe total de máis de 14 millóns de euros.
Se ben a xestión do lixo constitúe unha competencia municipal, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda quere axudar os concellos a que cumpran coas súas obrigas legais, tendo en conta que deberán ter implantada a recollida selectiva dos residuos orgánicos —a través do quinto contedor, de cor marrón— antes do 31 de decembro de 2023, segundo marca a Unión Europea.
Así, con estas dúas novas instalacións, xunto con outras dúas das mesmas características —Cerceda, xa finalizada, e Vilanova de Arousa— e co apoio de 13 plantas de transferencia que están a ser adaptadas, Sogama fará posible que a gran maioría dos galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Cómpre lembrar que o proxecto construtivo da planta de Cervo serviu de base e referencia para a planta de Verín, polo que ambas terán características similares. Nese sentido, cada unha terá unha capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de residuos orgánicos de carácter doméstico e outras 1.600 toneladas de material estruturante. A previsión é que cada infraestrutura produza cada ano 1.500 toneladas de compost de alta calidade para ser empregado como abono natural, na agricultura e xardinaría, en substitución dos fertilizantes artificiais.
Ademais, ambas estarán dotadas coas tecnoloxías máis innovadoras, co fin de que acaden a maior eficiencia, e tamén contarán cos mecanismos necesarios para minimizar o impacto sobre a contorna como potentes sistemas de depuración de augas, cheiros e control de ruídos, alimentándose con enerxía renovable a través de paneis solares.
O obxectivo é que as dúas entren en funcionamento a finais do ano 2022, e deste xeito saltar un novo chanzo para facer de Galicia unha comunidade sustentable en que os residuos son transformados en recursos conforme os preceptos da economía circular.
Cervo, servizo a 70.000 veciños
A planta de Cervo, cuxas obras se licitarán por un importe de 6.939.829 euros, estará localizada no polígono industrial de Cuíña e ocupará unha superficie de 8.000 m2, tras a adquisición o pasado 9 de xuño, por parte de Sogama ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, de cinco parcelas por un orzamento de máis de 238.000 euros.
Nesta nova instalación realizaranse todas as fases dun proceso de compostaxe, é dicir, a xestión da materia orgánica —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamentos—, para o que se construirá unha nave pechada de 3.500 m2.
Está dimensionada para poder dar servizo a 15 municipios, pertencentes na súa meirande parte á comarca da Mariña lucense, cubrindo unha poboación duns 70.000 habitantes: Cervo, Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mañón, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.