Aumentou o número de denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre do ano

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Pedíronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 457 ordes de protección, das que se concederon o 65 %
Imaxe recurso contra a violencia de xénero
29 Jun 2025

O número de denuncias por violencia de xénero recibidas nos órganos xudiciais galegos durante os tres primeiros meses do ano (1.887) aumentou un 9,5 % en relación co mesmo período de 2024. A gran maioría (1.583) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo moi superior á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 37; mentres que 60 se recibiron por partes de lesións recibidos directamente; 26, por servizos de asistencia e terceiros; e 181, por intervención directa da policía.

No período estudado diminuíu lixeiramente o número de mulleres vítimas, pois se rexistraron 1.687, fronte ás 1.708 do primeiro trimestre de 2024, o que supuxo unha diminución do 1,2 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia se situou en 12, a segunda máis baixa do Estado -cuxa media foi de 17,6-, por detrás Castela e León -11,1-. Ademais, entre xaneiro e marzo o número de menores (fillos/as das vítimas) que quedaron identificados como vítimas nas denuncias presentadas ascenderon a tres.

Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no primeiro trimestre do ano descenderon un 27,6 % os casos de vítimas que se acolleron a dispénsaa do deber de declarar, pois optaron por esta opción 71 mulleres, fronte ás 98 que o fixeron no mesmo período de 2024.

Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon o ano pasado 297 ordes e medidas de protección e seguridade, un 3,8 % máis que en 2024. En total, recibiron 457 peticións destas medidas protectoras -un 2 % máis que no primeiro trimestre do ano anterior-, das cales foron concedidas o 65 %; mentres que os xulgados en funcións de garda incoaron 131, das que adoptaron 78, o 59,4 %, segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O 89 % das sentenzas ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller entre xaneiro e marzo do ano pasado en procesos de violencia de xénero foron condenatorias, unha cifra que alcanza o 80,2 % nas emitidas polos xulgados do penal neste tipo de procedementos; e o 87,5 % nas ditadas polas audiencias provinciais. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a tres persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.

Por outra banda, os órganos xudiciais ditaron 80 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa prestación de alimentos (23). Ademais, adoptáronse 21 relativas á atribución da vivenda; 16 sobre suspensión do réxime de visitas; e 10 sobre suspensión da garda e custodia. Ademais, no período analizado, os xulgados impuxeron 608 medidas de protección de carácter penal (derivadas das ordes de protección e doutras medidas cautelares de protección e seguridade das vítimas), sendo as máis frecuentes a prohibición de comunicación (272) e a orde de afastamento (269).

⚙ Configurar cookies
0.19267296791077