Augaxosa acolleu a feira de gando con máis de 120 exemplares e promoción de razas autóctonas

TerraChaXa | AMariñaXa
O evento contou cun mercado cabalar, mostra de razas galegas e degustación de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega
augaxosa-feria
14 Sep 2025

A parroquia da Augaxosa, en Riotorto, acolleu este sábado unha nova edición da súa feira de gando, dando continuidade a unha tradición que conta con rexistros documentados, polo menos, dende o século XVIII.

O recinto feiral reuniu máis de 120 cabalos, eguas e poldros procedentes de diferentes ganderías da contorna. Entre elas destacaron a gandería de Ricardo Veiga, de Vilaseca (Riotorto), a de Xan das Bouzas, de Mondoñedo, e a de Miguel Miranda, da Pontenova, que recibiron os premios ás explotacións con maior número de animais presentes na feira.

A Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou coa Asociación de Veciños da Augaxosa na organización dun evento que, ademais do tradicional mercado cabalar, incorporou este ano unha mostra de razas autóctonas. Os asistentes puideron contemplar exemplares de vacas caldelás, limiás e vianesas, ovellas e cabras galegas, así como galiñas da raza pita de mos.

A feira completouse cunha variada oferta de postos de alimentación, artesanía e téxtil, ademais de demostracións en directo de cestería e tornería, que espertaron gran interese entre o público.

Como novidade gastronómica, os visitantes tiveron a oportunidade de degustar gratuitamente hamburguesas elaboradas con carne de poldro de Pura Raza Galega, dentro do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural de gusto, impulsado pola Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.1008288860321