Augas de Galiza instalará novos medidores no río Landro tras as demandas do BNG de Viveiro

O BNG de Viveiro manifestou a súa satisfacción logo de que Augas de Galicia confirmase a instalación de novos medidores de control no río Landro, unha actuación que permitirá mellorar a vixilancia da calidade da auga e detectar de maneira temperá posibles vertidos. Trátase dunha medida que a organización nacionalista viña reclamando desde hai meses e que, segundo indican, é fundamental para garantir unha resposta rápida ante calquera incidencia que poida poñer en risco o abastecemento ou o equilibrio ambiental da zona.
A voceira municipal do BNG, Iria Cotelo, lembrou que, tras a última situación de emerxencia rexistrada no río, o seu grupo insistiu na importancia de contar con máis ferramentas preventivas. “Desde o BNG fixemos fincapé en ampliar e mellorar os mecanismos que permitan actuar con axilidade fronte a calquera episodio de contaminación que ameace o medio ambiente ou a subministración de auga potable”, explicou.
Cotelo apuntou tamén que, no seu momento, a alcaldesa Mariña Gueimunde rexeitou a proposta con contundencia, cuestionando mesmo a súa necesidade. “O feito de que agora Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente dean a razón ao BNG de Viveiro evidencia que o Partido Popular non estivo á altura das circunstancias na xestión municipal”, afirmou.
Para a formación nacionalista, este episodio representa “un novo erro na forma de gobernar de Gueimunde fronte ás iniciativas serias e fundamentadas do BNG”. Engaden ademais que continúa sendo preciso avanzar en melloras tanto na potabilizadora de Landrove como na rede de abastecemento municipal, unha demanda que levaron ao pleno de decembro a través dunha moción que foi aprobada por unanimidade.
“No BNG de Viveiro seguiremos traballando para reclamar investimentos e actuacións que garantan a seguridade da auga, a protección do noso contorno natural e un servizo digno para toda a veciñanza”, concluíu Cotelo.