Augas de Galicia rematará neste mes de xullo o proxecto dos colectores e da nova depuradora de Foz
No encontro, Teresa Gutiérrez pediulle axilidade ao Concello na realización dos trámites municipais pertinentes para poder iniciar as obras, tendo en conta que a administración local iniciou as expropiacións dos terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.
Así, a directora de Augas de Galicia solicitoulle á administración local que someta canto antes o proxecto a información pública. Unha vez analizadas e contestadas as achegas recibidas por parte do organismo hidráulico da Xunta, o Concello deberá aprobar en Pleno o proxecto, o que permitiría comezar as obras.
O obxectivo é construír unha nova depuradora de augas residuais e un tanque de tormentas, ademais de ampliar os bombeos e os colectores, para acabar coas deficiencias de funcionamento do sistema de saneamento municipal, que non ten a capacidade necesaria para acadar os obxectivos de vertido de calidade na auga tratada, principalmente no verán, cando a chegada de turistas incrementa significativamente a poboación.
Para iso executarase unha nova depuradora el Caldouceiro cun caudal máximo de 700 m³/hora e capacidade para atender a 22.342 habitantes, con 2 liñas de desbaste, desareado-desengrasado, tratamento biolóxico por ultravioleta e liña de lodos.
Construirase tamén un novo tanque de tormentas, situado no punto baixo da conca principal, ao lado da actual depuradora, con capacidade para 1.000 m³ e dotado de 3 bombas centrífugas somerxibles, medición de caudal e funcionamento autónomo con envío de datos. Ademais ampliaranse o caudal e a capacidade dos bombeos actuais e disporanse de 4,7 quilómetros de novas conducións.
As intervencións impulsadas pola Xunta permitirán triplicar a poboación servida e multiplicar por 9 a capacidade de tratamento. Os traballos iniciaranse antes de que remate o ano e terán un prazo de execución de 18 meses para a execución das obras e 12 para a posta en marcha da nova depuradora.
A actuación está cofinanciada con fondos europeos FEDER no marco do programa operativo 2014-2020.