Augas de Galicia realiza labores de conservación en varios ríos de Mondoñedo
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, iniciou os traballos de conservación e mantemento en varios tramos fluviais do concello de Mondoñedo, que suman un total de aproximadamente 8,5 quilómetros.
As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.
Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente 10 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización dun tractor.
Unha vez completados os traballos, os tramos fluviais quedarán despexados, garantindo a circulación fluída das augas e contribuíndo á prevención de posibles inundacións. Estas accións están enmarcadas no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico, que inclúe as bacías da demarcación Galicia-Costa e as súas áreas de acceso e protección.
Ademais, as zonas de intervención están catalogadas como áreas de alto risco potencial significativo de inundación, polo que os traballos buscan tamén reducir os riscos asociados a este tipo de eventos.
Detalle das actuacións:
- Río Valiñadares: Intervencións en algo máis de 4 quilómetros, abranguendo as parroquias de Santiago de Mondoñedo, Nosa Señora dos Remedios e Nosa Señora do Carme.
- Río Gontán: Actuacións en 3,1 quilómetros nas parroquias de Nosa Señora dos Remedios e Santa María de Viloalle.
- Río Masma: Tarefas de mantemento en preto de 900 metros dentro da parroquia de Santa María de Viloalle.
- Outros tramos: Intervención en máis de 300 metros dun río localizado no lugar de Gontariz.