Augas de Galicia declara prealerta por seca hidrolóxica na maior parte da cunca Galicia-Costa

AMariñaXa
Augas de Galicia declara prealerta por seca hidrolóxica na maior parte da cunca Galicia-Costa
auga tubaxe
25 Maio 2022

Augas de Galicia vén de informar sobre a activación da situación de prealerta por seca hidrolóxica na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, pois, aínda que as reservas de auga nos encoros de abastecemento na Demarcación están en situación de normalidade, os caudais fluíntes son moi baixos e as achegas a estes encoros atópanse por debaixo da metade das medias para esta época do ano; ao cal se suma que na comarca da Mariña a época de maior demanda de auga prodúcese, precisamente, entre os meses de xuño e setembro.

Así, a recomendación de Augas de Galicia aos Concellos é a de adoptar as medidas necesarias para reducir o consumo urbano da auga naqueles usos prescindibles ou accesorios, así como promover os mensaxes de aforro á poboación.

En consecuencia, os concellos da Mariña fan un chamamento á cidadanía para o uso responsable da auga evitando gastos innecesarios deste recurso.

Así, recoméndase encarecidamente evitar o rego innecesario de xardíns e o lavado de superficies exteriores e/ou vehículos, reducir na medida do posible, os consumos domésticos como ducharse no canto de bañarse; empregar a lavadora e o lavalouza só cando estean cheos; manter as billas abertas polo tempo imprescindible de uso na hixiene diaria, nos lavados de mans, preparación de comida, fregado da louza…

Tamén recomendan revisar as instalacións, estado das tubaxes, sanitarios e billas para evitar fugas de auga, e arranxar canto antes as avarías que se produzan. E reducir a renovación de auga das piscinas.

Todo isto como medidas preventivas ante un eventual escenario de seca que podería darse de non mudar as condicións meteorolóxicas.

0.068580865859985