Augas de Galicia comprométese con Foz a axilizar a legalización das captacións de Cordido e Trasmonte

Foz
AMariñaXa
Augas de Galicia comprométese con Foz a axilizar a legalización das captacións de Cordido e Trasmonte e a ampliación da concesión no río Ouro
4 Mar 2022

Outro dos puntos a tratar foi a nova depuradora, respecto á cal o Concello de Foz está a facer os seus deberes coa a expropiación dos terreos necesarios.

O Concello de Foz recibe o compromiso de Augas de Galicia de axilizar a legalización das captacións de Cordido e Trasmonte (Nois) e a ampliación da concesión no río Ouro.

Representantes do Concello de Foz mantiveron unha xuntanza de traballo en Santiago con Augas de Galicia, reunión na que estiveron presentes o alcalde, Fran Cajoto; o tenente de alcalde, Francisco Fanego; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; e técnicos do Concello e do organismo autonómico.

O Concello de Foz interesouse polo avance na tramitación dos expedientes para a legalización das captacións de auga. Tratouse a problemática existente para a legalización da captación de Cordido, respecto á cal o Concello de Foz presentou unha nova proposta ao ente autonómico que resolvería os condicionantes de Augas de Galicia e que vai remitir por rexistro este mesmo venres.

Respecto á captación de Trasmonte, na parroquia de Nois, e á ampliación de caudal na captación principal do río Ouro, Augas de Galicia comprometeuse a axilizar os expedientes para contar coa aprobación á maior brevidade, que estimaron en algo máis de dous meses.

O alcalde de Foz manifestou: “teño que agradecer á directora de Augas de Galicia a súa atención. É prioritario para o concello de Foz contar coa legalización de todas as captacións e coa ampliación de caudal no abastecemento do río Ouro, non só para que veciñas e veciños teñan todas as garantías senón tamén para desbloquear un Plan Xeral que naceu coxo e que agora mesmo imposibilita a edificación de novas vivendas en Cordido ou o desenvolvemento do solo urbanizable no parque empresarial de Fazouro”.

Respecto á central hidroeléctrica reversible Xistral, que conta con informe negativo de Augas de Galicia, a directora tranquilizou aos representantes municipais no sentido de que a captación municipal ou o caudal ecolóxico do río non se ía ver afectado en “ningunha das maneiras”.

Fran Cajoto explicou tamén que “outro dos puntos a tratar foi a nova depuradora, respecto á cal o Concello de Foz está a facer os seus deberes levando ao pleno de hoxe, xoves, a expropiación dos terreos necesarios. Hoxe remata tamén o período de ofertas dos licitantes do proxecto e obra. Reiteramos de novo a nosa petición de formar parte da supervisión na redacción do proxecto construtivo, para conseguir que as distintas infraestruturas que formarán parte da depuradora funcionen correctamente e sexan sinxelas de manter. O noso obxectivo é tamén que o novo sistema de depuración prexudique o mínimo posible a veciñas e veciños de Forxán”. 

0.24354100227356