Asociacións galegas limpan esta fin de semana os seus ríos

TerraChaXa | AMariñaXa
O vindeiro domingo 25 de setembro, Adega e Proxecto Ríos mobilizarán milleiros de voluntarios na XV Limpeza Simultánea de Ríos galegos.
mollate_2022_participantes portada
22 Sep 2022

O vindeiro domingo 25 de setembro, a organización ecoloxista Adega e Proxecto Ríos mobilizarán milleiros de voluntarios e voluntarias que se mollarán polos ríos e acudirán á XV edición da Limpeza Simultánea de Ríos galegos, para deixalos libres de lixo, nunha xornada de voluntariado ambiental e concienciación social.

A XV Limpeza Simultánea Móllate polos ríos celebrarase este ano en 42 concellos de toda Galiza, nos que participarán máis de 61 entidades (asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino…), entre as que están novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta décimo quinta edición. Os centros de ensino realizarán a limpeza o venres 23 de setembro.

Na provincia de Lugo as actuacións terán lugar no veciño concello das Pontes, a cargo da asociación EuroEume; en Baamonde, no Cercud; en Castro de Rei, por conta de Amigos do Miño; Lugo, a través de Adega, UNED Lugo e Coidemos Lugo; Vilaba coas anpas do Antonio Bermúdez, Mato Vizoso e EEI de Vialba, e en Viveiro, a cargo da asociación Pratodo.

Entre outros obxectivos, a Limpeza simultánea de ríos de Proxecto Ríos pretende divulgar como realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais polo que se repartirá un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descarregar da web https://proxectorios.org/limpeza. Neste sitio web tamén se pode consultar a relación de entidades, concellos e ríos nos que se van realizar as limpezas e os contactos dos/das coordenadores/as, e as entidades participantes e colaboradoras.

Os/as voluntarios/as que participen nesta XV cita cos ríos galegos serán agasallados cunhas camisolas co lema da limpeza.

O Proxecto Ríos, coordenado na Galiza por Adega, é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Conta co apoio de Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

mollate polos rios
0.15133500099182