Asociacións deportivas de Viveiro piden que as axudas sexan de concorrencia
As principais asociacións deportivas do concello de Viveiro reuníronse co BNG de Viveiro para trasladarlle as súas demandas.
A principal necesidade na que coinciden todos os clubes é a relacionada coas subvencións concedidas por parte do Concello de Viveiro, "até o de agora adxudicados directamente sen criterio algún coñecido e empregando a vía da excepcionalidade para a súa concesión, procedemento que dende as asociacións non consideran xusto polo que reclaman a posta en marcha dunha convocatoria de liñas de axudas por concorrencia competitiva, baseadas na igualdade de oportunidades e a total transparencia destinadas ás entidades sen ánimo de lucro (asociacións veciñais, culturais e deportivas) sen verse na obriga de ter que pasar, ano sí e ano tamén, polos despachos dos membros do goberno municipal", dinde o BNG.
Demanda que por outra banda, "vimos reclamando dende o BNG en cada pleno orzamentario ao goberno do PSOE e que segue sen ser atendida co conseguinte perxuízo para as asociacións, xa que as cantidades establecidas na maioría dos casos é ridícula se se compara co gasto do desenvolvemento da actividade que realizan e non se axeita a ningún criterio que permita o reparto equitativo entre as asociacións".
Así pois o BNG presentará no vindeiro pleno de maio unha moción para instar ao goberno de María Loureiro a aplicar a Ordenanza reguladora da concesión de subvencións do Concello de Viveiro que se aprobou en tempos do bipartito sendo concelleiro de deportes o nacionalista Xosé Antón Goás Basanta (Mitas), así como a creación dunha comisón da que formen parte todas as asociacións e clubes do concello de Viveiro para acordar as bases reguladoras da concesión de ditas subvencións.