Asociación Gaita Escola: "Queremos chegar aos máis novos cos Cantos de Taberna de Mondoñedo”

AMariñaXa
O colectivo organiza a décimo segunda edición da cita o 14 de setembro cun programa que inclúe obradoiro de baile, cantos de taberna por 11 establecementos e foliada aberta
cantos-taberna-mondoñedo-1
Cantos de Taberna de Mondoñedo
1 sep 2024

Lucía Blanco

Se ben houbo un tempo no que a tradición de cantar polas tabernas, tascas e bares se perdeu un pouco e mesmo chegou a perigar a súa continuidade, en Mondoñedo este costume segue máis vivo que nunca. En galego ou castelán, con instrumentos ou non e soltando algún que outro aturuxo, a tradición regresará de novo á vila da man de Gaita Escola, que organiza a XII Xuntanza Cantos de Taberna o sábado 14 de setembro.

“Nós como asociación temos clases de instrumentos tradicionais de gaita e comezamos a xuntarnos uns cantos e a facer os cantos de taberna. Houbo unha compañeira que tirou polo carro para facer a iniciativa e agora xuntámonos todos os anos e ademais de organizar esta cita tamén participamos noutras da contorna”, lembran. O número de inscricións, un ano máis, non defrauda.

“A verdade é que foi moi ben, tivemos unha reserva de prazas moi pronto porque podemos admitir a 13 grupos e xa temos a agrupacións en lista de espera. Foi en cuestión de días, sacamos o cartel e xa temos o cupo pechado, a verdade é que sempre temos moi boa acollida”. Entre eles, contarán con habituais da xuntanza que volven edición tras edición e tamén outros que se estrean nesta celebración mindoniense. “Temos moitos grupos aos que lles gusta repetir porque desfrutan da experiencia ano tras ano e despois sempre hai algún grupo novo que se anima e quere vir a ver como é a edición”.

A xuntanza coincide de novo coas festas patronais, polo tamén é unha boa escusa para facer chegar xente á vila, desde distintos puntos da comunidade como Vilalba, Chantada ou Coruña, que se suman a outros grupos procedentes da Mariña como Ribadeo ou Cervo. “Facémolo cadrar cos Remedios. Desta maneira colaboramos coa asociación que organiza as festas, porque aportamos un evento máis e xente que non viña vir ao pobo ou a celebración se non fora por esta iniciativa, achégase ese sábado e sumamos”.

Pero manter unha tradición deste tipo non resulta sinxelo. “Ao final sempre rouba tempo o que é a organización e nós ao final nos dedicámonos a isto sen ánimo de lucro entón é complicado porque tes compatibilizalo co traballo e coa vida persoal. Pero como temos tan boa acollida facémolo con gusto porque despois xutámonos a moita xente, en total adoitamos ser entre unhas 130-150 persoas. Costa o seu esforzo, pero velos desfrutar tanto que merece a pena”.

Transcende xeracións

E de todas as idades. “Pasa un pouco no noso grupo. Ao final entre fillos de compoñentes, ou sobriños, por exemplo, estamos falando de xente en idade infantil ata xente maior ata 70-80 anos e acorre en todas as formacións”. Pero precisamente xuntar distintas xeracións é un dos principais obxectivos. “Queremos chegar tamén aos máis novos e que sexan eles quen continúen con este tipo de iniciativas. A idea é que lles preste, que toquen, que canten e que lles guste”.

E esperan conseguilo cun programa que comeza xa pola tarde, ás 17.30 horas, cun obradoiro de baile. “O ano pasado foi a primeira vez que o fixemos e funcionounos moi ben, porque gustou moito, así que repetimos. Ademais así os grupos viñeron algo antes e pasaron a tarde aquí e implica que se queden a durmir e pasen máis horas en Mondoñedo”. Despois darán paso aos cantos de taberna que terán lugar en 11 establecementos: A Taberna da Galiana, A Taberna da Valeco, Abadía, Bar Castro, Bodegón A Catedral, Faragullas, O Palique, O Petisco, O Porriño, O Rei das Tartas, O Rincón de Mondoñedo e Vinoteca Segundo.

A gastronomía local tamén terá o seu espazo no programa cuns pinchos que ofrecen a todos os participantes seguir pola noite cunha foliada aberta. Pero o seu traballo non remata aí. A asociación tamén está ultimando os detalles para o novo curso, que comezará en outubro no local social dos veciños de Masma e co que seguen a apostar pola tradición e por dinamizar a vida cultural no concello. “Nós contamos con Roberto Salas, que é o noso mestre dende fai moitos anos e que nos dá clase de diferentes instrumentos, como pandeireta, gaita, tamboril e tamén de canto. Vémonos todos os xoves e esperamos empezar en outubro e finalizar no mes de xuño coma sempre”.

 

cantos de taberna mondoñedo cartel
0.13921499252319