Asociación do Casco de Viveiro piden solucións urxentes ao Goberno Municipal

AMariñaXa
A Asociación de Veciños do Casco Histórico de Viveiro e BNG demandan actuacións urxentes e transparencia ao Goberno Municipal
bng asociacions viveiro
30 Out 2021

A Asociación de Veciños do Casco Histórico de Viveiro e BNG demandan actuacións urxentes e transparencia ao Goberno Municipal, con este contexto mantiveron unha reunión na que trasladaban o descontento da veciñanza que vive no casco de Viveiro ante a inacción da alcaldía cunha situación que tras anos se volveu isostible; “ter que deixar a túa casa nas fins de semana porque sabes que non podes durmir”, “sentir medo ante os berros e os golpes na porta da túa casa”, “a xente que nos visita destaca que é un casco precioso, pero moi sucio e abandonado” algunha das declaracións dos membros da asociación.

Ante a "situación desesperada e a inacción habitual do equipo de María Loureiro", dende o BNG presentaranse na vindeira sesión plenaria, medidas en positivo para que a xente que habita no casco poda descansar na súa casa. Tamén solicitarán información relativa ao número total de licenzas dos locais nocturnos, as súas características, así como o estado das comprobacións que se teñen que realizar cada 6 meses tal e como establece a normativa vixente. Información que se oculta por parte do equipo de goberno do PSOE, tanto á asociación que a ten solicitada en reiteradas ocasións como ao BNG, xa que facer público o estado das licenzas era un dos puntos da moción aprobada xa no 2019. ”Constatamos que a falta de transparencia é tamén unha constante coa AVCHV, quenes teñen rexistrados multitude de documentos sen resposta a día de hoxe”, afirmou a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez.

“Faise preciso coñecer tamén se existen medidas preventivas que se dispoñan ante datas sinaladas por parte da Policía Municipal e que a Alcaldía como xefa desta autoridade tería que promover. O equipo de goberno, que ten as competencias e medios necesarios, ten que actuar por sí e non abandonar á veciñanza á súa sorte ante unha situación problemática segura”, afirmou Míriam Bermúdez.

A concelleira do Bloque destacou que levan “dous anos agardando para que María Loureiro poña en marcha a moción aprobada, que incluía a elaboración da Ordenanza de protección contra a contaminación acústica, da que se ten trasladado un borrador en novembro de 2019. Dous anos agardando sen ter tan sequera a primeira reunión para comezar a elaborar esta ordenanza que suporá unha ferramenta para regular as competencias do Concello de Viveiro en canto á contaminación producida por ruído".

“Exiximos pois o cumprimento da moción para revitalizar os cascos de Viveiro”, afirmou contundentemente Míriam Bermúdez, quen destaca que o Goberno municipal non está actuando tentando minimizar sempre a situación, cando é esencial garantir a convivencia para que se poida manter a actividade dos establecementos de ocio nocturno e o dereito ao descanso das persoas nos seus fogares.”

Destacou tamén por outra banda, a necesidade inminente de atallar a actual situación decadente do casco histórico, no que non existe unha planificación dos usos dos edifcios nin se promove a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas compatíbeis coa habitabilidade do casco, dous eixos fundamentais propostos polo BNG xa no 2019, e que a alcaldía calificou como declaración de intencións, constatándose mais unha vez que o equipo de goberno non ten proxecto, nin capacidade para revertir o actual desleixo que caracteriza un casco histórico cheo de patrimonio, e boa mostra disto é que a convocatoria para a rehabilitación de edificos no casco queda continuamente sen solicitudes.”

0.21407508850098