Asociación de Veciños de Xuances: “Aquí é vida, é tradición, é terra, é familia e futuro”

Por Ana Somoza.
En Xuances, unha pequena parroquia do concello de Xove, a vida no rural resiste grazas á implicación dos seus propios veciños. A Asociación de Veciños de Xuances, fundada hai case trinta anos e agora en plena etapa de renovación, traballa por frear o despoboamento recuperando festas, organizando eventos gastronómicos e reforzando a identidade local.
INICIOS. En Xuances, parroquia do Concello de Xove, a vida segue latexando grazas á forza dunha asociación veciñal que non se resigna a ver esmorecer o seu rural. Daniel, o actual presidente da Asociación de Veciños de Xuances, conta que a entidade naceu no ano 1996 cun obxectivo claro: “mellorar a calidade de vida da veciñanza, velar polos intereses da parroquia e servir de nexo conector entre os veciños e as diferentes administracións”.
Aínda que recoñece con humildade que cando a asociación se fundou el “non nacera”, destaca que está vivindo un momento de “rexurdir” ante as novas necesidades da poboación. Explica que os tempos cambiaron e que agora resulta imprescindible “afondar no eido social e cultural”, buscando manter “viva, activa e dinámica a vida no rural”. Este espírito marca a nova etapa dunha entidade que, tras case trinta anos de historia, non quere limitarse a xestionar servizos senón revitalizar a vida comunitaria.
VALORES. A vida en Xuances é, para Daniel, “moi familiar, cun especial arraigo á terra e un enorme respecto ás tradicións”. Lembra que antigamente os eventos sociais vinculábanse ao traballo colectivo: “a sementeira, a malla, o muíño...”. Hoxe, recoñece, esas tarefas xa non se realizan como antes, pero desde a asociación buscan incentivar “a cooperación e a interacción social entre a veciñanza, como se fixo toda a vida, aínda que as maneiras sexan outras”.
ACTIVIDADES. A entidade retoma agora unha axenda de actividades que fora quedando adormecida. Daniel destaca o traballo da anterior directiva, encabezada por Balbino García, Casemiro Pernas e Dora López, que “aguantaron a asociación en tempos complicados da pandemia da Covid-19”, evitando a súa desaparición. Agora, coa nova directiva, buscan crear “un calendario de actividades para todo o ano”, con eventos que fomenten “a interacción entre os veciños e a dinamización da vida no rural”. Entre as propostas máis destacadas está a recuperación da “Festa na Honra a San Pedro Fiz”, celebrada na ermida de Ceranzos. “Recuperámola este ano; non se celebraba desde 2019”, explica con orgullo. Trátase dunha festa con “fonda tradición e devoción”, que atrae xente “de diferentes puntos da comarca”, mesmo camiñando ata a ermida despois de deixar o coche o día anterior.
Ademais, a asociación organiza eventos gastronómicos nos que logran reunir preto de cen persoas: “xuntámonos a comer e pasamos uns días en comunidade”. O seu soño sería recuperar festas tradicionais como a malla, aínda que recoñece que “non se fixo Roma nun día” e prefiren avanzar “pouco a pouco”.

IMPLICACIÓN VECIÑAL. “Sen a veciñanza nada sería posible”, afirma Daniel. Recoñece que ao principio percibiron certa apatía, pero co paso dos meses o entusiasmo foi medrando. “Cada vez observamos maior aceptación por parte da xente, o cal parece indicar que imos no camiño correcto”, di. Iso si, advirte que “é cedo para xulgar” e que deberán seguir traballando para consolidar esa tendencia.
NOVOS PROXECTOS. A curto prazo, o foco está na organización da festa de San Pedro Fiz. Pero hai ideas que latexan no fondo: “gustaríanos manter e preservar o patrimonio material e inmaterial da parroquia”. Pensan en recompilar “os testemuños dos nosos maiores”, para evitar que se perdan. Con prudencia, insiste en que “non imos falar antes de tempo”: serán proxectos que irán anunciando cando chegue o momento.
RELACIÓN CO CONCELLO. A relación coas administracións é “necesaria e inevitable”. No caso do Concello de Xove, Daniel subliña que “sempre nos brinda o apoio necesario, como fai co resto de asociacións do municipio”. Coas demais administracións recoñece que “leva dous días” no cargo, pero agarda que exista tamén esa “vontade de colaborar cos veciños”.
DESAFÍOS DO RURAL. En Xuances, como noutras aldeas galegas, o despoboamento segue sendo o maior desafío. Daniel lembra que “tivemos algún burgo que chegou a quedar despoboado”, tras épocas nas que “contaban con máis de cincuenta veciños”. Porén, algunhas desas aldeas volvéronse habitar. Segundo el, isto débese a un cambio de prioridades: “é moita a xente que se vai vivir ao rural”.
Tamén apunta á chegada de persoas doutras partes de España, que elixen Xuances para pasar o verán, atraídas por un clima amable e unha tranquilidade “impensable na cidade”. A asociación quere contribuír a ese rexurdir, “dentro das nosas posibilidades”, mediante “a dinamización da vida no rural”, facendo atractiva a vida alí. “Debemos fomentar e tentar manter o repoboamento”, insiste.
O PAPEL DAS ASOCIACIÓNS. Para Daniel, o papel das asociacións veciñais segue a ser esencial no rural galego. Defíneas como “motores de dinamización social e cultural” e como ferramentas que poden “influír no desenvolvemento local, propoñendo ideas, xestionando proxectos e facendo de ponte entre a veciñanza e as administracións”. Sinala que son “espazos de democracia real e de acción directa”, onde a veciñanza pode organizarse e tomar decisións.
XENTE NOVA E MEMORIA. A xuventude debe ser o futuro do rural, pero recoñece que “hoxe en día é complicado desenvolver unha vida aquí”, pola escaseza de emprego e pola tendencia da sociedade á concentración nas cidades. “Deberemos traballar nese eido”, admite.
Tamén pensan en recuperar a memoria dos maiores, como xa comentou ao falar de futuros proxectos. Non queren que se perdan esas historias, esas experiencias que forman parte do patrimonio inmaterial de Xuances.
COMO SUMARSE. Daniel anima á veciñanza a achegarse á asociación. “Sumarse é moi doado: basta con propoñer ideas ou colaborar nas actividades”. A quen non participa aínda, lanza unha mensaxe clara: “a parroquia tamén é responsabilidade súa, e todo o que se fai, faise pensando en todos”. Canto máis se implique a xente, “máis forte será a comunidade”. Actualmente contan con “55 casas asociadas”, o que supón “o 60 % da poboación da parroquia”. Un dato que contrasta cos inicios: “cando se comezou hai case 30 anos formaban parte uns 10 socios”. O crecemento é evidente, pero a meta é seguir sumando.
UN SOÑO: UNHA PARROQUIA VIVA. O gran soño da Asociación de Veciños de Xuances é claro: que a parroquia siga viva. “Queremos unha parroquia chea de vida, con servizos básicos cubertos, con xente nova, con actividade cultural e co orgullo de pertencer a un lugar que coida as súas raíces”. Daniel remata cun desexo sincero: “gustaríame volver ver unha parroquia chea de xente, porque é certo que vivimos nun lugar fermoso, pero sen xente non deixaría de ser un de tantos”. Cando se lle pide que defina Xuances en poucas palabras, responde sen dubidar: “Xuances é vida, tradición, terra, familia e futuro”.