Asociación Cultural Osorio Gutiérrez: corenta anos facendo pobo desde o folclore

A Asociación Cultural Osorio Gutiérrez de Lourenzá naceu no ano 1985 nun contexto moi distinto ao actual, tanto a nivel social como cultural. Así o lembra a súa presidenta, Elena Cabaleiro, que sitúa a orixe da entidade nunha etapa na que “se pensaba moito en como axilizar culturalmente o pobo”. A impulsora principal da creación foi Marifé Rodríguez Rocha, daquela tenente de alcalde, nun mandato encabezado por José María López Noceda. Segundo explica Cabaleiro, Marifé tiña claro que Lourenzá precisaba un espazo cultural activo e vivo, capaz de dinamizar a vida social da vila.
A idea comezou a tomar forma cando Marifé falou cunha funcionaria do Concello, Menchu, filla do propio alcalde. A partir desa conversa, Menchu empezou a contactar con xente da súa idade para organizar unha asociación cultural que fose aberta, plural e participativa. Un dos primeiros pasos foi buscar un espazo físico, algo fundamental naquela época. “Pedíronlle o local ao cura, que daquela era Don César, e el cedeulles un local no mosteiro”, lembra Cabaleiro. Ese lugar converteuse rapidamente nun punto de encontro interxeracional.
A presidenta destaca que aquel espazo non estaba pensado só para xente nova. “Era un lugar onde se encontraban todas as xeracións, non só xente nova senón tamén xente maior”. Alí organizábanse torneos de tute, xogábase ao tenis de mesa, charlábase, compartíase tempo e convivencia. O local da asociación acabou sendo un auténtico centro social informal, ao que acudía xente non só de Lourenzá, senón tamén doutras localidades do val. A Osorio Gutiérrez nacía así como un proxecto colectivo que facía pobo desde a cultura e a convivencia.
TEATRO.
Un dos primeiros grandes fitos da asociación chegou da man do teatro. Segundo explica Elena Cabaleiro, “a moitos compoñentes da asociación gustáballes moito o teatro”, polo que decidiron crear un grupo propio. Aquela decisión resultou ser un éxito rotundo, xa que as representacións tiveron unha acollida extraordinaria. A veciñanza de Lourenzá sempre mostrou unha gran afección polo teatro, algo que se mantén ata hoxe, como demostra a consolidación do Certame de Teatro que se celebra na vila e ao que acoden numerosos grupos de diferentes lugares.

O momento culminante daquela etapa teatral chegou no ano 1991, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Álvaro Cunqueiro. A asociación decidiu representar “A noite vai como un río”, unha obra do propio autor mindoniense. Cabaleiro lembra aquela experiencia como “un éxito total”. A obra non só se representou en Lourenzá, senón que percorreu varias vilas, sempre con cheos absolutos. “En todos os sitios onde fomos, había moitísima xente e a acollida foi impresionante”, lembra.
Ese éxito consolidou á Osorio Gutiérrez como unha referencia cultural na comarca, demostrando que desde unha vila pequena se podían facer proxectos ambiciosos e de calidade. A última obra teatral da asociación foi precisamente esa, no ano 1991, pero deixou unha pegada fonda na memoria colectiva e na identidade da entidade.
FOLCLORE.
A finais dos anos oitenta, a asociación deu un paso decisivo cara ao folclore. En 1989 creouse o grupo de baile tradicional, chamando como primeira profesora a Pilar, chegada desde Santiago. Pouco despois naceu tamén o grupo de gaitas, co seu primeiro profesor, Alberto. Así comezou unha etapa que acabaría definindo a esencia actual da Osorio Gutiérrez.
A asociación non só se centrou no ensino do baile e da música, senón tamén na recuperación de tradicións populares que estaban a piques de desaparecer. “Recuperamos o Magosto, que foi un dos primeiros actos que volvemos facer”, explica Cabaleiro. Tamén se revitalizou o Maio, incorporando elementos tradicionais como as xestas, o carro adornado ou a madalena. Outro fito fundamental foi a organización do primeiro Entroido moderno de Lourenzá, un evento que hoxe é “moi famoso e moi coñecido”, pero que naquel momento foi impulsado desde a asociación.
Houbo tamén etapas nas que se organizaron rutas de sendeirismo, ampliando o abano de actividades culturais e sociais. Co paso do tempo, a entidade foi especializándose, ata chegar ao momento actual, no que “a asociación dedícase en exclusiva ao grupo de baile tradicional e música tradicional”.
A propia presidenta é exemplo da continuidade xeracional da entidade. “Eu empecei como alumna da escola de baile, de pandeireta e de música. Tiña 12 anos cando comecei”, explica. Esa traxectoria persoal é compartida por moitas das persoas que hoxe sosteñen a asociación, que medraron dentro dela e asumiron o compromiso de mantela viva.
EVOLUCIÓN.
A evolución do folclore desde os anos oitenta ata a actualidade foi, segundo Cabaleiro, “total”. Nos inicios, aínda que se facía baile tradicional, o enfoque era diferente. “Antes había menos grupos, pero os que había eran moi importantes, e todo estaba máis coreografiado”, lembra. Co paso do tempo produciuse un cambio profundo cara a un maior respecto polo tradicional, buscando reproducir ao pé da letra os bailes, a música e a vestimenta recollidos polos investigadores e transmisores da tradición.

A presidenta destaca o traballo de persoas clave neste proceso, como Luís Prego, Xisco Feijó, María Vidal, Pichi Abollado ou Pedro Brañas, actual profesor da asociación. “Grazas a eles podemos agora transmitir todo isto e intentamos seguir facéndoo coas novas xeracións”, sinala. A investigación nas cancións, nas coplas e na vestimenta permitiu unha transmisión máis fiel do patrimonio inmaterial galego.
No seu momento de maior esplendor, arredor de 1989, a asociación chegou a contar con máis de 70 compoñentes. Co paso dos anos, o número foi diminuíndo, en parte polos cambios sociais e pola aparición doutras alternativas de ocio. “Antes non había outras actividades no pobo, pero agora hai fútbol, patinaxe, baile moderno… hai moitísimas cousas”, explica Cabaleiro. Iso fai que o folclore tradicional “adoite saír perdendo” fronte a outras opcións, salvo que exista unha tradición familiar ou un interese especial.
A pesar diso, a asociación mantén unha base sólida. Actualmente conta cun grupo amplo de nenos pequenos e outro de medianos, chamado Rechouchíos. Dentro deste grupo destaca a parella Os Macacos de Lourenzá, que participa en concursos de canto e pandeireta con notable éxito, acadando numerosos premios. Nas categorías de maiores hai menos xente, pero a esperanza é poder garantir a continuidade.
RETOS.
O ano 2012 marcou outro momento clave na historia da Osorio Gutiérrez. A asociación estivo a piques de desaparecer por falta de relevo na directiva. Foi entón cando varias nais, xa con fillos no grupo, decidiron asumir a responsabilidade. “Non queriamos que isto rematara”, lembra Cabaleiro. Ese paso permitiu salvar a entidade e iniciar unha nova etapa.

A presidenta quere destacar especialmente o papel do profesorado. “Temos dous profesores moi bos”, afirma. Pedro Brañas, profesor de baile, canto e pandeireta, é tamén director de Cantigas e Agarimos en Santiago, e Pablo Peláez encárgase da gaita. “Non sabemos ben a sorte que temos de poder contar con eles”, recoñece.
A relación co Concello é boa, segundo explica, con colaboracións en forma de cesión de locais e apoio dentro das posibilidades municipais. Aínda así, admite que “gustaríanos que as administracións dedicaran un pouco máis nos seus orzamentos”, algo que considera un problema xeral do asociacionismo cultural.
No plano emocional, Cabaleiro lembra momentos moi especiais, como a actuación en Madrid, na Catedral da Almudena, convidados polo Centro Galego, ou o debut da asociación na festa do Conde Santo, nunha praza abarrotada. “Para min é un recordo do máis emotivo”, confesa.
O principal reto actual é claro: “Manterse viva, poder seguir ensinando e facendo”. Para iso, a presidenta quere lanzar unha mensaxe de agradecemento a todas as persoas que axudan desde detrás: “Hai moitísima xente que colabora decorando, levando cousas, recollendo… sen eles sería imposible”.
A Osorio Gutiérrez non é, insiste, un grupo pechado. “Somos un grupo aberto a todo o mundo, acollemos a quen queira ver como é isto e como funcionamos. Temos as portas e os brazos abertos”. Esa filosofía de apertura, xunto coa memoria de corenta anos de historia compartida, é a base sobre a que a asociación quere seguir construíndo futuro en Lourenzá.