Asociación Amigos do Camiño do Mar: “Nunca entendín por que non se loita por esta ruta xacobea”

“O Camiño de Santiago revitalizou zonas da Galicia despoboada. Aquí tamén podería axudar a fixar poboación, a dinamizar a economía local, a poñer en valor o noso patrimonio”
Por Ana Somoza
A Mariña Lucense conta cun patrimonio xacobeo tan descoñecido como valioso. Así o cren os integrantes da Asociación Amigos do Camiño do Mar, un colectivo fundado o 10 de decembro de 2013 na Finca Galea. A asociación xurdiu no seo de ATURMAR, a Asociación de Turismo Rural da Mariña Lucense, que se creara en 2007 co obxectivo de poñer en valor o territorio. “Comezamos a traballar desde aquela no Camiño do Mar, aínda desde ATURMAR”, explica un dos seus impulsores. “Presidín o colectivo coa única condición de que un dos obxectivos principais fose defender e impulsar a antiga ruta xacobea.”
A motivación era clara: rescatar do esquecemento unha vía de peregrinación que atravesaba A Mariña, Ortegal e Ferrolterra ata unirse co Camiño Inglés. Os promotores foron membros de ATURMAR e propietarios de establecementos como O Rincón de Anita, Mi Norte, A Casa de Piego, Finca Galea, Casa do Merlo e ANATUR. A implicación destes empresarios foi decisiva para crear unha estrutura estable desde a que reivindicar a importancia histórica do Camiño do Mar.
INVESTIGACIÓN. “Levo investigando esta ruta desde 1999”, conta o presidente da asociación. “Nunca entendín como tendo un Camiño de Santiago no noso territorio non se loitaba por el.” O traballo non foi doado. Durante anos realizaron viaxes a Santiago, xestións administrativas e investigación histórica sen ningún tipo de axuda externa. “Se agora é difícil, naquela época era impensable, porque ninguén falaba do Camiño de Santiago por aquí.”
PATRIMONIO POR DESCUBRIR. O Camiño do Mar é, segundo defenden, a ruta xacobea máis ao norte de Galicia. Discorre polos concellos da costa cantábrica e ártabra, aproveitando as antigas vías que empregaban os peregrinos que chegaban a Galicia polo mar ou dende o Camiño do Norte. “É unha antiga ruta que conectaba os portos da nosa costa co antigo Camiño Francés.”

A súa riqueza patrimonial é inmensa. “Temos igrexas, capelas, restos de hospitais, pinturas xacobeas antigas...”, enumera o presidente. Entre os lugares máis emblemáticos destacan o porto de Ribadeo, o hospital de San Sebastián, San Roque e a igrexa da Virxe do Camiño, tamén en Ribadeo. A basílica de San Martiño de Mondoñedo, Viveiro co seu conxunto monumental, Ortigueira coa feira de San Claudio ou San Andrés de Teixido son só algúns exemplos. “Todo o Camiño do Mar é unha sucesión de vestixios ligados á peregrinación.”
ACCIÓNS. A asociación traballa todo o ano para dar visibilidade á ruta. Organizan accións como o Camiño do Mar – Concello a Concello, o Camiño Gastronómico ou charlas divulgativas. Tamén atenden directamente aos peregrinos. “Cada vez hai máis”, afirman. “Facilitámoslles información, planificación, asesoramento.” Ademais, manteñen contactos constantes con administracións públicas, aínda que lamentan que o apoio institucional non estea á altura. “Ningún ou moi pouco para a labor que realizamos. Levamos máis de 25 anos investigando. É certo que traballamos máis do que pedimos, e iso tamén é malo”, recoñecen con humor. A asociación tamén puxo en marcha o Camiño Gastronómico, unha proposta que mestura peregrinación e cociña. “Queremos dar a coñecer o camiño, colaborar cos sectores produtivos da zona, fomentar a actividade saudable e difundir a nosa gastronomía.”
Á ESPERA OFICIAL. O recoñecemento oficial como ruta xacobea segue a ser o gran obxectivo. En marzo de 2010, o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei que instaba ao seu recoñecemento. “Non entendemos como o Camiño de Inverno foi recoñecido axiña e o noso leva máis de quince anos agardando no caixón.” A frustración é evidente: “Xa pasamos dous anos santos desde aquela aprobación parlamentaria e seguimos igual. Confiamos en que para o Xacobeo de 2027, por fin, se materialice o recoñecemento.” E hai motivos para o optimismo. No ano 2021, o Cabido da Catedral de Santiago, máxima autoridade na materia, recoñeceu oficialmente o Camiño do Mar como ruta xacobea. “A Consellería de Cultura tamén o fixo no seu día. Non sabemos a que se está esperando agora.” O impacto que podería ter este recoñecemento sería notable. “O Camiño de Santiago revitalizou zonas da Galicia despoboada. Aquí tamén podería axudar a fixar poboación, a dinamizar a economía local, a poñer en valor o noso patrimonio.” Neste momento, seguen investigando e estudan organizar un acto divulgativo sobre a ruta.

Mentres tanto, a cifra de peregrinos continúa medrando. “O ano pasado expedíronse preto de 200 compostelas a persoas que fixeron o Camiño do Mar, de 26 nacionalidades diferentes. Sabemos que son moitos máis, porque hai xente que non volve pedir a compostela unha vez que xa a ten.” E puxeron un exemplo revelador: “No ano 1993 só se entregaron 70 compostelas no total do Camiño de Santiago. Agora son medio millón. Todo leva o seu tempo.” O recoñecemento administrativo da Xunta segue a ser o reto principal, pero tamén queren impulsar un labor pedagóxico sobre o significado do Camiño de Santiago. “O noso non é un camiño inventado. Ten historia, patrimonio e un paisaxe único. Case se posiciona só.” O futuro da ruta dependerá en gran medida da conciencia social e institucional. “Hai que recoñecer o traballo feito. O Cabido de Santiago oficializou o camiño e aquí pasou totalmente desapercibido. Aínda hai moita xente que nin sequera o sabe.”
“Iso é inconcibible no mundo xacobeo”, lamentan. “Esperamos que iso cambie, aínda que aquí imos a outra velocidade… máis lenta.” A pesar das dificultades, o compromiso da asociación segue intacto. “A música é unha menciña para a alma, dicía un amigo. Pois para nós, o Camiño do Mar tamén o é. É un proxecto espiritual, cultural e humano. Unha vitamina contra o esquecemento.”
E conclúen cun desexo: “Dentro de cinco anos, gustaríanos ver esta ruta plenamente recoñecida, viva, con peregrinos camiñando e co noso patrimonio valorado. Sería o mellor premio a tanto esforzo.” Mentres iso non chega, a Asociación Amigos do Camiño do Mar continúa o seu labor coa mesma convicción que os levou a fundarse en 2013: recuperar un camiño que forma parte da historia de Galicia e que agarda por volver ocupar o lugar que lle corresponde entre as rutas xacobeas.