Asociación Agarimos: “A residencia debe seguir sendo un servizo público con prezos xustos”

Foz
AMariñaXa
Manuel García é o presidente da nova asociación Agarimos de Foz
residencia foz
24 Aug 2025

Como naceu a asociación?

Naceu a partir dunha plataforma que se creou como consecuencia dos prezos abusivos resultantes dunha licitación que pretendían impoñer unhas cotas mensuais inasumibles polos residentes. O feito concreto que motivou a súa creación foi a posta en dúbida do alcalde a darnos lexitimidade como Plataforma. Agora somos unha Asociación con entidade xurídica propia e por tanto esperamos que, a partir de agora, a máxima autoridade do Concello nos lexitime plenamente e conte connosco.

Cal é a principal demanda que defenden neste momento?

A principal demanda é que a Residencia de Foz que hoxe é pública concertada non se converta pola parte de atrás nunha Residencia privada con prezos prohibitivos para os veciños de Foz. Precisamente, por este motivo, consideramos urxente a creación dunha nova Ordenanza para evitar unha especulación nos prezos

Que valoración fan da xestión actual da residencia e do centro de día?

A xestión actual, tanto da Residencia como do Centro de Día, ao noso entender, é impecable, tanto o equipo directivo como os traballadores, están totalmente involucrados na atención aos nosos seres queridos, esta Residencia de Foz é unha gran familia.

Cales son, na súa opinión, os principais retos que afrontan hoxe os servizos públicos de atención á terceira idade?

Sen dúbida, o financiamento, de tal forma que as Administracións non poden deixar tiradas a aquelas persoas que traballaron toda a vida e moitas delas teñen pensións mínimas e que non poden facer fronte ás cotas que se están impoñendo. Neste sentido consideramos que este servizo para as persoas maiores debe considerarse como un Servizo Público e non como un negocio que é o que está a pasar e está a levar aos usuarios e familias á ruína nalgúns casos

A quen vai dirixida a asociación?

Esta Asociación, sen ánimo de lucro, naceu para a defensa do Servizo Público de Residencia e Centro de Día de Foz, na que teñen cabida usuarios e familiares, así como persoas sensibilizadas coas necesidades da 3ª Idade.

Que tipo de actividades ou accións teñen previsto desenvolver Agarimos para defender os seus obxectivos?

Un estudo e proposta de medidas concretas e globais para mellorar as condición e coidados dos residentes e usuarios da Residencia e Centro de Día de Foz. Queremos asesorar aos asociados sobre os recursos que ofrece a lexislación vixente actual sobre residencias xeriátricas e centros de día, pensións, axudas a dependencia, turismo social e outras na mesma liña. Queremos colaborar coas autoridades e organismos competentes para contribuír ao estudo e resolución dos problemas dos asociados. En definitiva, a Asociación actuará en todo momento en defensa dos intereses dos residentes e usuarios.

Como está a ser a resposta social desde que se anunciou a creación da asociación?

Moi positiva, a pesar de que está aínda nunha primeira fase da súa creación, desde que anunciamos os membros da xunta directiva, estamos a recibir alentos e preguntas como teñen que facer para asociarse.

Como presidente: cal é a súa visión persoal sobre o papel que debe ter a sociedade civil no coidado das persoas maiores?

Ao meu xuízo a sociedade civil debe de xogar un papel crucial no coidado das persoas maiores, promovendo o seu benestar, defendendo os seus dereitos, fomentando a súa inclusión na comunidade e asegurarlles unha vida digna, independente e participativa debendo ter un rol fundamental na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva para as persoas maiores e tratar de conseguirlles que poidan vivir unha vida plena e satisfactoria.

Hai contacto ou colaboración con outras asociacións doutros concellos que teñan obxectivos semellantes?

De momento non, pero si que recibimos chamadas doutros Concellos, de particulares, para interesarse pola problemática que tivemos en Foz e que deu os seus resultados paralizando a anterior licitación.

Que esperan conseguir a curto e medio prazo?

A curto prazo esperamos que o alcalde nos reciba e atenda a nosa solicitude para manter unha reunión e crear unha comisión co resto de partidos políticos que forman a actual corporación para atender as nosas demandas dun prezo xusto para as cotas residenciais, como así se deriva da Resolución do Tribunal de Contratación Pública de Galicia que desestimou todos os Recursos interpostos sobre o acordo de renuncia á contratación dos Servizos de Residencia e Centro de Día nas condicións propostas na anterior licitación.

Como poden sumarse máis persoas á iniciativa?

Proximamente poñeremos ao dispor dos membros da Plataforma a ficha de afiliación e que faremos extensible a todas as veciños de Foz que queiran afiliarse á nova asociación.

Por que decidiron chamar Agarimos á asociación?

Polo agarimo as persoas maiores e porque neste proceso de loita da Plataforma moitos usuarios da Residencia estaban angustiados porque cos prezos que se pretendían impoñer daban por feito que tiñan que abandonar a Residencia.

⚙ Configurar cookies
0.29572010040283