Asinado o acordo para un Goberno conxunto en Foz do PSOE e BNG

Foz
AMariñaXa
O alcalde de Foz e o concelleiro Francisco Fanego asinaron o acordo para un goberno progresista conxunto en Foz
040723 SINATURA DO GOBERNO DE COALICIÓN DE PSOE E BNG EN FOZ
4 Xul 2023

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro Francisco Xavier Fanego asinaron o acordo para un goberno progresista conxunto en Foz, no que o candidato do Bloque será de novo primeiro tenente de alcalde. O pleno de organización celebrarase este venres, día 7 de xullo.

O rexedor municipal socialista, Fran Cajoto, amosouse moi satisfeito pola sinatura dun acordo que “vai permitir seguir coa estabilidade en Foz e continuar cos cambios que o concello necesita para consolidarse como a referencia da Mariña. Buscamos un goberno de coalición pero un goberno único, no que se respecten as áreas de goberno e que permita avanzar nos cambios que precisamos. Temos retos moi importantes e con este acordo sentamos as bases para corrixir os erros que se puideron producir na pasada lexislatura. Foz está medrando e debemos medrar con el. O compromiso con Foz é total, debemos estar á altura do que o noso concello merece”.

O concelleiro nacionalista Francisco Xavier Fanego, que será primeiro tenente de alcalde, afirmou: “Estamos satisfeitos de ter podido chegar finalmente a un acordo. A lectura que fixemos despois da primeira reunión antes da investidura provocou unhas manifestacións públicas que a tenor das reunións mantidas durante a pasada semana debemos matizar, xa que se deu o clima necesario para falar e chegar a acordos nun bo ambiente.”

Un acordo no que o candidato do BNG será Primeiro Tenente de alcalde, con delegacións en Medio Ambiente e Patrimonio. O concelleiro nacionalista Simeón Neira López levará as carteiras de Deporte e Mar; Benito García Bolaño, Medio Rural; e Zoraida Coira Vázquez, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística.

O alcalde levará directamente as áreas de Urbanismo e Obras -que inclúe o desbroce de camiños- e Seguridade Cidadá. A Segunda Tenente de Alcalde, Inés López Couto, que asumirá as funcións de alcaldesa en ausencia deste, levará as áreas de Economía, Facenda e Cultura, da que dependen a Biblioteca, os museos e a Escola de Música. O concelleiro socialista Ángel Fernández Neira será Terceiro Tenente de Alcalde con delegacións en Servizos Públicos -abastecemento, alumeado, parques e xardíns e limpeza viaria- e Festas. A concelleira Ana Rojo levará Servizos Sociais e Benestar, Inclusión e Inmigración. A concelleira socialista Elena Martínez Pena asume as delegacións de Muller e Igualdade, Participación Cidadá e Aula Universitaria. Carlos García será concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Coordinación da Axenda 2030 e Kathy Alonso será a responsable de Turismo, Comercio e Sanidade.

O salario do alcalde e a dedicación parcial da Segunda Tenente de Alcalde mantéñense respecto ao anterior mandato, con 47.921,16 e 23.960,58 euros brutos ao ano respectivamente. A concelleira do BNG Zoraida Coira Vázquez tamén percibirá unha dedicación parcial de 23.960,58 euros ao ano. Fran Cajoto, elixido recentemente deputado provincial, reformulará as retribucións unha vez se conforme a organización do goberno da Deputación de Lugo: “Para asumir as tarefas de deputado conto co respaldo dos compañeiros e parte do salario da Alcaldía será para eles, que deberán realizar un traballo extra. Agradézolles o esforzo: o noso compromiso é con Foz”.

0.19583606719971