As XXIX Xornadas de Pesca de Celeiro superarán o récord de participación con máis de 540 inscritos

AMariñaXa
A organización destaca a fidelidade do público e o éxito do modelo híbrido, que combina asistencia presencial e online
Xornadas-pesca-celeiro-2023-dia-1
26 Nov 2025

A poucos días do inicio da XXIX edición do simposio pesqueiro das Xornadas de Pesca de Celeiro, a organización confirma que o evento establecerá un novo récord histórico de participación. As previsións apuntan a que se superarán amplamente os 520 inscritos rexistrados en 2024, que ata agora marcaban o máximo oficial.

Segundo os datos facilitados, a cifra actual xa alcanza os 525 participantes, dos cales 337 se anotaron en formato online e o resto de maneira presencial. Isto supón que o 64,19 % do público seguirá as xornadas a distancia e o 35,8 % asistirá fisicamente ao simposio. As estimacións indican que se poderá superar a barreira dos 540 inscritos antes do inicio do programa.

A tendencia consolidada das últimas edicións reflicte un crecemento sostido: en 2021 contabilizáronse 451 participantes, en 2022 chegouse a 519, en 2023 rexistráronse 492 e en 2024 acadáronse 520, cifra que agora quedará atrás. Desde a organización non se marcan obxectivos numéricos concretos, pero subliñan a súa satisfacción por “contar cun público fiel que ano tras ano volve confiar no foro”.

Un modelo híbrido que reforza o impacto do evento

A organización destaca que a presenza física continúa sendo un elemento fundamental das Xornadas de Pesca de Celeiro. O espazo compartido favorece o networking especializado, a creación de vínculos profesionais e o intercambio directo de coñecemento, aspectos que só se producen con plenitude no contacto persoal. A coincidencia de expertos nun mesmo recinto xera oportunidades de colaboración, reforza a confianza e contribúe a fortalecer a identidade do sector.

Paralelamente, a incorporación do formato online e das retransmisións en streaming ampliou de maneira notable o alcance do simposio. Este sistema permite que profesionais de calquera lugar poidan seguir as conferencias sen barreiras xeográficas nin custos adicionais, achegando unha dimensión internacional que impulsa a difusión do evento.

O modelo híbrido, sinalan desde a organización, combina o mellor de ambos mundos: por un lado, a calidade e proximidade do encontro presencial; por outro, a accesibilidade e proxección global que ofrece o formato dixital. Esta fórmula permite que Celeiro se consolide como un referente estatal e internacional en innovación, divulgación e sustentabilidade no ámbito pesqueiro.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

XXVII jornadas pesca celeiro 2023
⚙ Configurar cookies
0.099035978317261