As XVI Xornadas do Peregrino Abrindo camiño, serán entre o 30 de xuño e 2 de xullo
As XVI Xornadas do Peregrino Abrindo camiño, organizadas pola asociación homónima, a celebrarse en Mondoñedo e Santaballa-Vilalba entre o 30 de xuño e 2 de xullo, analizarán diferentes aspectos do fenómeno xacobeo en Europa e América e da emigración galega en Cuba.
O programa inclue asemade unha homenaxe a Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874-La Habana, 1954), mestra, pioneira na tarea de protección das mulleres e impulsora, entre outras actividades feministas, da Sociedade “Hijas de Galicia” (1917) e do I Congreso da Muller (1923) en La Habana.
As xornadas comezarán o 30 de xuño ás 17 horas no auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo coa inauguración da exposición 'O soño cubano da emigración galega' cedida polo Consello da Cultura Galega.
A temática dos camiños de Santiago será analizada nas mesas-coloquio 'O Camiño de Santiago. Itinerario cultural e dinamizador socioeconómico internacional' e 'Os Camiños -e Santiago- en América: mito, toponimia e representacións. Presenza e tradición de Santiago en La Habana'.
O mundo da emigración será abordado na mesa 'Emigración en Cuba. O Centro Galego de La Habana e a súa interrelación con Galicia: a bandeira, o himno e a Real Academia Galega'.
Reflexionarase tamén sobre o legado das asociacións de instrucción habaneras e bonaerenses nunha sesión prevista na Escola Habanera de Santaballa-Vilalba.
ANDREA LÓPEZ CHAO
Cómpre destacar asimesmo a homenaxe que se lle rendirá á memoria da mestra mindoniense Andrea López Chao e ó seu labor docente, societario e feminista desenvolvido en La Habana, a onde emigrara en 1904. Ela foi, entre outros logros, artífice da creación do Hospital e Balneario para asistencia das mulleres emigradas, en dificultades ou en situación de exclusión social.
Entre outros actos figura, o 1 de xullo ás 11 horas, a mesa-coloquio 'Andrea López Chao e a influenza doutras mulleres da época no seu labor na emigración: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal'.
Unha comisión, presidida polo alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e integrada por representantes da corporación municipal e diferentes profesionais galegos e cubanos, auspiciará a realización do documental “Andrea López Chao e o poder de educar”, un xornal monográfico e unha exposición itinerante sobre a homenaxeada.
Merece salientarse o feito de que neste mes de marzo teñen tamén lugar en La Habana actividades conmemorativas dos centenarios da celebración nesa capital do I Congreso da Muller (1923) e da creación da Hospital Hijas de Galicia (1924).
O programa destas xornadas é iniciativa do concello de Mondoñedo e da Asociación Abrindo Camiño de Amigos do Camiño Norte de Santiago. Colaboran a Liga Santaballesa, o concello de Vilalba, a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo, diferentes consellerías da Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega e outras entidades, colectivos e profesionais.