As xornadas de historia local de Foz abranguen a masonería e os obxectos de culto

Foz
TerraChaXa | AMariñaXa
O Camiño de Santiago por Foz, a masonería na Mariña, o século XIV na comarca e os obxectos curativos e amuletos centran as xornadas de historia organizadas, por vixésimo cuarto ano, pola asociación Pomba do Arco.
67816767_2378126505636684_1544296778797416448_o
30 Xul 2019

O Camiño de Santiago por Foz, a masonería na Mariña, o século XIV na comarca e os obxectos curativos e amuletos centran as xornadas de historia organizadas, por vixésimo cuarto ano, pola asociación Pomba do Arco. Teñen lugar na Casa da Cultura Poeta Manuel María da vila focense do 29 de xullo ao primeiro de agosto.
As xornadas arrancaron o luns, 29 de xullo, ás 20:30 cunha palestra a cargo do historiador focego Xoán Ramón Fernández Pacios titulada 'O camiño de Santiago por Foz'. O investigador mariñán é un referente dos estudos xacobeos na Mariña lucense, autor de traballos sobre o hospital de peregrinos de San Martiño de Mondoñedo ou o Camiño do Mar que, partindo de Ribadeo, percorría toda á area costeira da Mariña até chegar a Ferrol, onde ligaba co Camiño Inglés.
O martes, 30 de xullo, ás 20:30 na mesma Casa da Cultura, o historiador coruñés Carlos Pereira Martínez falará sobre a masonería na Mariña nos séculos XIX e XX. Pereira Martínez, unha das voces máis autorizadas no ámbito dos estudos sobre a masonería, comezará o seu percorrido pola masonería na Mariña reparando nas agrupacións de masóns que funcionaron nas últimas décadas do século XIX con diversas loxias operando nas localidades de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo, onde se significaría o medico e escritor Manuel Leiras Pulpeiro. Os núcleos masónicos existentes no período republicano antes de que o franquismo iniciase unha persecución  brutal do mesmo serán tamén obxecto da charla de Pereira.
O ensaísta e investigador Francisco Rodríguez intervirá o mércores, 31 de xullo, ás 20:30, para falar sobre 'O século XIV. Un momento decisivo para A Mariña'. Rodríguez, autor dunha ampla produción bibliográfica no eido dos estudos sociolingüísticos, literarios e históricos, abordará os cambios que se producen na Galiza e na comarca da Mariña no contexto dos enfrontamentos da Guerra dos Cen Anos e do petrismo e o trastamarismo. A consecuencia destes feitos nacerá o Condado de Ribadeo, entregado por Enrique de Trastámara ao mercenario francés Pierre Villaines, que o apoiou na guerra contra os galegos, a revolta dos veciños de Viveiro contra o bispo de Mondoñedo e a consecución da vila de reguengo ou a clausura do porto da Masma polos Trastámara.
A clausura das XXIV xornadas correrá a cargo do antropólogo pontevedrés Rafael Quintiá Pereira, que falará o xoves 1 de agosto sobre os 'Obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular'. Fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, Quintiá Pereira falará sobre a antropoloxía dos obxectos curativos, como a pedra do raio, ou dos amuletos, algúns deles como o ollomao, e moi especialmente aos vinculados ao mundo do mar, ligando ao papel que cumpren na nosa cultura e na área atlántica e portuguesa.

0.18734192848206