As xogadoras burelesas gañan a Supercopa estatal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
9 sep 2019

O Pescados Rubén Burela FS escribiu un capítulo máis con letras de ouro, alzándose co título da Supercopa de España tras o triunfo 2-6 nun auténtico partidazo fronte ao titánico Futsi Atlético Futsi Navalcarnero. As Raíñas recibiron o trofeo da segunda Supercopa da Historia Laranxa, catro anos despois, en mans da capitá, Bea Mateos, e encabezadas por Jane, que co seu hattrick foi recoñecida como a Mellor Xogadora da cita.

A última incorporación burelista, para xúbilo do grande ambientazo laranxa que se viviu en Las Rozas, celebrou o seu aniversario ao grande inaugurando o electrónico no 7 tras un erro de saída rival. Ana Romero freara antes as primeiras intencións claras das madrileñas, no 4 e 5, fronte a Leti ao bordo da área e ante Ari, de falta. Antes de chegar á medianía, as laranxas tiveron dúas de ouro para ampliar distancias, primeiro unha chegada entre Jenny Lores e Luci que chegou á mans de Belén con pouca forza e segundos despois Cilene desde media pista. Restaban 11 minutos e Pescados Rubén subía a quinta falta das de Julio Delgado; a murciana mantivo a salvo a renda, no 12, en tentativa de dobre penalti de Ari. Subiu presión o conxunto de Andrés Sanz; no 13, o pau, aliado coa defensa mariñá, evitou o empate nas zapatillas de Leti. Pero aí estaba Jane para subir o 0-2 en rápida transición cun disparo cruzado desde a banda. Restaban 3’52” e a meta burelista volveu desartellar o dobre penalti, de María Sanz. Antes do descanso, Dany aínda tivo ocasión de asinar o terceiro nunha recuperación na pista burelista con balón desviado e Lara Balseiro, en remate. Ale de Paz, a 8 segundos, despexou de cabeza unha moi perigosa do Futsi.

Jozi tapou todos os ocos para manter a comodidade no marcador das mariñanas tralo descanso. Cando transcorreran cinco minutos do segundo acto, Jane fixo acto de presenza para o hattrick no seu primeiro partido oficial de laranxa, recibindo fronte a Marta Balbuena unha brillante galopada da lusa Jenny. A meta brasileira volveu frear a embestida madrileña tras falta, de Gaby. Apostou entón precisamente Andrés Sanz por xogo de cinco coa ex das laranxas; o pau evitou o mísil de Anita Luján no 31 pero no 32 Ame Romero subiu o 1-3, cun potente disparo que atopou Jozi pero acabou superando a liña de meta. Parecía que o Futsi volvía meterse no partido pero volveu aparecer outra das caras novas burelistas, Jenny Lores (minuto 33), cun gran definición desde a banda ante a saída de Marta Balbuena. Ampliou Jozi a porta baleira no 37, nun minuto frenético, no que Anita Luján contestou co 2-5, a pase de Leti, e Ale de Paz contraatacou co 2-6 aproveitando que a meta madrileña estaba descolocada. O poste evitou o terceiro de Ari nos últimos segundos.

Pescados Rubén Burela FS saíu coa alineación de Ana Romero, Dany, Cilene, Peque, Jenny Lores, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Jane, Ale de Paz, Lara Balseiro, Luci, Bea Mateos, Jozi e Cris Lourés. O árbitro foi Delgado Sastre e Rabadán Sainz.

Xunto ao presidente e vicepresidente laranxas, Manuel Blanco e José Luis Sáez, arrouparon ao Pescados Rubén desde do palco de autoridades o deputado de Deportes, Efrén Castro, e o concelleiro de Deportes de Burela, Ramiro Fernández. O palco estivo presidido por Pedro Rocha, desde o Comité Nacional do Fútbol Sala, e tamén contou coa presenza da seleccionadora nacional, Claudia Pons, o presidente da LNFS, Javier Lozano, e a presidenta da AJFSF, Natilia Orive, entre outras autoridades.

0.1953718662262