As xeorutas que organiza o concello de Burela darán comezo o 6 de xullo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente organizan unha nova edición das Xeorutas, que darán comezo o vindeiro 6 de xullo.
avelinodiaz_portada
24 Xuño 2020

As Concellerías de Turismo e de Medio Ambiente organizan unha nova edición das Xeorutas, que darán comezo o vindeiro 6 de xullo. Neste 2020 ponse en marcha unha nova, a do Monte Castelo, que se une ás da Marosa, O Perdouro e O Cantiño. O aforo estará limitado a 20 persoas para cada saída. Son 15 as datas marcadas no calendario para poder gozar das Xeorutas do Concello de Burela. Os edís de Turismo e Medio Ambiente participaron, xunto ao alcalde, esta mañá na súa presentación. Ambos agardan que sexan un éxito un verán máis.

Ramiro Fernández Rey declarou que “desde as delegacións de Turismo e de Medio Ambiente do Concello de Burela anunciamos que imos empezar as Xeorutas. Foi unha iniciativa que puxemos a andar aló polo 2015, tivo un éxito moi importante e decidimos seguir apostando por elas”.

O edil burelés quixo “agradecer á Deputación Provincial de Lugo que apoia esta iniciativa a través do seu Plan Único, con respecto ao turismo, e fainos unha achega bastante importante para poder levalas a cabo”.

O concelleiro d Turismo explicou que “as rutas empezarán a facerse o día 6 de xullo. Van ser un total de 15 rutas durante todo o verán e a novidade que temos este ano é unha ruta xeolóxica nova que imos facer no Monte Castelo que, como di o xeólogo que nos axuda a facer as rutas Fran Canosa, é unha zona moi rica en xacementos xeolóxicos. Ademais seguirán as que había en anos anteriores como son a da Marosa, a ruta xeolóxica do Perdouro e a do Cantiño”.

A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, dixo que “desde o Concello queremos destacar a importancia que teñen estas rutas no aspecto turístico e medioambiental aquí en Burela. Tiveron moitísimo éxito durante todos estes anos, e é unha iniciativa que imos seguir apoiando e apostando por elas porque entendemos que é un turismo distinto, sustentable e de moita calidade”.

Os responsables de Turismo e de Medio Ambiente animaron a todo o mundo a participar. A inscrición pódese facer por medio do blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com e esperemos que teñan o éxito que tiveron os outros anos”.

O aforo das Xeorutas estará limitado a 20 persoas por cada saída. As rutas de A Marosa, O Perdouro e O Cantiño terán como punto de partida a oficina de turismo que está situada no porto. E a do Monte Castelo sairá e desenvolvera nesa área recreativa.

No acto de presentación esta mañá participaron o alcalde, Alfredo Llano, ademais de Toñi Eijo e Ramiro Fernández, e pola guía turística Aurora Riesco.

0.21086096763611