As San Lucas de Mondoñedo celebran a súa 869 edición con homenaxe a Xosé Vizoso

AMariñaXa
As festas, que contan co apoio da Deputación de Lugo, desenvolveranse do 16 ao 20 de outubro cunha programación centrada no cabalo
Mondo-presentacion-San-Lucas-2025
1 Oct 2025

A deputada de Cultura, Iria Castro, participou este mediodía na presentación oficial da 869 edición das San Lucas de Mondoñedo, unha cita histórica que volve contar co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As festas, que se celebrarán do 16 ao 20 de outubro, manterán como eixo central as actividades arredor do cabalo e terán como pregoeiro a Carlos Folgueira, herdeiro do legado do recordado Rei das Tartas.

O programa inclúe algunhas das imaxes máis recoñecibles destas feiras, como a baixada dos cabalos o día 17 dende os montes ata o campo da feira, cun percorrido polo Barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral. O día 18 terá lugar a gran feira tradicional de gando cabalar, acompañada de certames de andadura, probas morfolóxicas e espectáculos de doma nocturna que encherán de ambiente as rúas mindonienses.

Nesta edición, as San Lucas renderán homenaxe a Xosé Vizoso, artista e colaborador infatigable das festas a través do deseño da súa cartelería. O cartel deste ano leva a sinatura do seu fillo, Daniel Vizoso, quen recolle así o relevo no tributo á tradición.

Iria Castro destacou que “as San Lucas son memoria, tradición e identidade, parte do noso patrimonio como galegas e galegos. Por iso é unha obriga para as institucións acompañar á organización cun apoio estable e constante”. A deputada puxo en valor o traballo da comisión organizadora e subliñou a importancia de manter vivo un evento que se celebra de maneira ininterrompida desde o ano 1156.

A Deputación de Lugo, a través da área de Cultura, achega 20.000 euros para o desenvolvemento das festas, ademais do apoio organizativo da área de Rural para as actividades vinculadas ao cabalo e á feira.

⚙ Configurar cookies
0.10124492645264