As San Lucas 2025 de Mondoñedo chegan con tradición, cabalos e grandes concertos

AMariñaXa
Do 16 ao 20 de outubro, a cidade volverá ser un referente festivo e cultural cunha programación variada para todas as idades
San-Lucas-2021
6 Oct 2025

Mondoñedo xa ultima todos os preparativos para acoller, do 16 ao 20 de outubro, unha nova edición das súas históricas feiras e festas das San Lucas. A cidade episcopal volverá encherse de música, tradición e cabalos nun programa que mestura os actos máis populares cos espectáculos actuais, mantendo viva unha das citas máis singulares do calendario festivo galego.

A xornada inaugural será o xoves 16 de outubro, cando as bombas de palenque e o repenique das campás da Catedral anuncien oficialmente o comezo. O día estará cheo de propostas: dende o xantar-baile para a terceira idade no pavillón municipal, ata os xogos populares para a rapazada. Xa pola noite, terá lugar o pregón, protagonizado por Carlos Folgueira, continuador do legado do “Rei das Tartas”, nun acto acompañado polo coro Mestre Pacheco e o grupo de gaitas Carricantos. A verbena na Alameda, a cargo da orquestra La Fórmula, servirá de punto e final ao primeiro día.

O venres 17, Día das Vésperas, reservarase un espazo especial para lembrar a figura de Xosé Vizoso, coa ruta polas rúas decoradas con carteis do artista, unha mesa redonda, a presentación dun libro e a inauguración dunha exposición. Pola tarde chegará un dos momentos máis esperados: a entrada dos cabalos na cidade, descendentes daqueles que xa montaban os celtas e que seguen enchendo de vida as rúas mindonienses cada ano. A chegada estará acompañada dunha retransmisión en pantalla xigante na Praza da Catedral, con gradas habilitadas para o público. A verbena continuará na Alameda coas orquestras Tekila e Waykas, mentres que na Praza do Seminario soará o concerto especial de Efecto Mariposa, no seu 25 aniversario, acompañados por GrandeOsso.

O sábado 18, Día das San Lucas, comezará cedo coa gran feira tradicional de gando cabalar, que manterá a esencia desta cita secular. Ademais das ruadas de gaitas e da misa en honra de San Lucas, celebrarase a entrega de premios do concurso de gando e o IV Concurso de Andadura do Cabalo Marchador Galego. Xa á noite, o mestre internacional da doma Miron Bococci protagonizará un espectáculo ecuestre na Praza da Catedral, unha das citas máis espectaculares do programa, con xogo de luces e música en directo. O día pecharase coa verbena da orquestra Super Pop.

O domingo 19, Día do Medio, terá como prato forte o concurso morfolóxico de cabalos e eguas de Pura Raza Galega, que acollerá a gran final da Copa Galicia. Celebraranse tamén exhibicións de doma, sesións vermú, concursos de andadura, un encontro folclórico con grupos chegados de San Cibrao, O Valadouro e Ribadeo, así como un partido de fútbol do Mondoñedo FC. Xa de noite, Miron Bococci volverá poñer en pé á Praza da Catedral cun segundo espectáculo de doma nocturna.

Finalmente, o luns 20, Día das Maulas, estará dedicado aos máis pequenos, con xogos, maxia e verbena na Alameda. Ademais, o tren sanluqueiro e os baños públicos repartidos pola cidade facilitarán a comodidade e os desprazamentos de veciñanza e visitantes.

As San Lucas de Mondoñedo, documentadas dende 1156 e consideradas unha das feiras máis antigas de Galicia, manteñen ano tras ano unha tradición que une historia, cultura e festa. A súa capacidade para mesturar cabalos, música e convivencia fan delas unha cita imprescindible do outono galego.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.08902382850647