As rupturas matrimoniais diminúen en Galicia un 4 % no segundo trimestre do ano
Presentáronse 1.299 demandas de divorcio e separación, fronte ás 1.356 de 2021. Por cada 100.000 habitantes, na comunidade contabilizáronse 48,3 rupturas e, no Estado, 51,4.
O número de demandas de ruptura matrimonial (nulidades, separacións e divorcios) presentadas en Galicia no segundo trimestre do ano foi de 1.299, fronte ás 1.356 que se rexistraron no mesmo período de 2021, o que supón unha diminución do 4,2 %. No Estado o descenso foi do 8,8 %. Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2022, obsérvase que por cada 100.000 habitantes en Galicia contabilizáronse, no período estudado, 48,3 demandas, fronte ás 51,4 de media estatal.
Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, na comunidade diminuíron os divorcios consensuados (de 807 a 738, un 8,6 %) e incrementaron os non consensuados (de 506 a 515, un 1,8 %). As separacións consensuadas, pasaron de 31 a 33 no segundo trimestre do ano, mentres que das non consensuadas rexistráronse 13, fronte ás 12 de 2021. Neste período non se contabilizou ningunha petición de nulidade matrimonial.
Entre o 1 de abril e o 30 de xuño iniciáronse 160 procedementos de modificación de medidas consensuadas, un 13 % menos que no mesmo período do ano anterior. As demandas de modificación de medidas non consensuadas pasaron de 478 a 449, un 6,1 % menos.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 243 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 353 do segundo trimestre de 2021, o que supón un descenso do 31,2 %; e 301 demandas de modificación de medidas non consensuadas (350 o ano pasado), o que representa unha baixada interanual do 14 %.