As Quendas de Mondoñedo mantiveron o seu dinamismo e tradición
Mondoñedo celebrou as súas tradicionais Feiras e Festas de As Quendas cun amplo programa de actividades a cargo da Asociación As San Lucas e que se desenvolveu entre este venres 29 de abril e o domingo 1 de maio.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire tamén asistiu este domingo á feira das Quendas de Mondoñedo, que se retomou tras dous anos de parón pola pandemia dando continuidade á tradición gandeira desta cita cun feira cabalar e de razas autóctonas.
En total, repartíronse 2000 euros en premios, con recoñecementos as gandeirías con maior número de cabeza de gando cabalar na feira, aos mellores cabalos de pura raza galega, aos mellores cabalos percheróns, ao mellor burro e ao mellor poldro de 2022.
Tamén ao cabalo mellor engalanado ao xeito tradicional galego, aos xinetes e amazonas máis vellas e novas, e aos mellores exemplares de raza rubia galega, cachena, caldelá, porco celta e ovella e cabra galega.
Mónica Freire sinalou “o dinamismo da feira que mantén viva a tradición gandeira do concello e da Mariña interior e pon en valor o traballo dos criadores e criadoras de gando cabalar, fundamental na conservación do territorio”, ao tempo que lembrou o compromiso da área de Medio Rural coas entidades que traballan na recuperación de razas autóctonas como Puraga, Asoporcel ou Boaga, presentes tamén na feira.
O presidente da Asociación organizadora, Miguel Souto, explicou que As Quendas buscan “a posta en valor tanto do noso campo, apoiando aos gandeiros e ás razas autóctonas, como da nosa cultura, con actividades como son Mondoñedo é Poesía ou a obra teatral ‘Nais’”.
Esta feira é unha das de máis tradición de toda Galicia vénse celebrando en Mondoñedo desde 1541 (hai xa 481 anos). Esta edición arranca este venres 29 de abril co pregón que pronunciará no auditorio Pascual Veiga, ás 20:30 horas, Claudia del Pino Martínez, profesional do turismo, formadora e guía de turismo oficial, traballou na oficina de turismo de Mondoñedo e é colaboradora habitual da Asociación As San Lucas