As promesas do voleibol participan no VII Torneo de Voleibol Concello de Cervo

AMariñaXa
A cita está organizada polo Concello de Cervo e o Club Deportivo San Ciprián
VII-Torneo-Volei-Cervo
7 Xuño 2024

O Pavillón da Veiga acollerá o VII Torneo de Voleibol Concello de Cervo este sábado 8 de xuño, organizado polo Concello de Cervo e o Club Deportivo San Ciprián. A rexedora, Dolores García Caramés, presentou o evento, xunto co equipo e membros da directiva do Club Deportivo San Ciprián “unha actividade que porá tamén punto e final a un curso excepcional das Escolas Deportivas Municipais que tamén contaron con esta disciplina con máis de vinte nenos e nenas inscritas estecurso”.

A rexedora aproveitou a ocasión para felicitar ao equipo humano que dirixe os adestramentos, tanto do equipo sénior do CD San Ciprián como das EDM de Cervo, que “son parte importante do éxito que tivo esta disciplina”, e que souberon contaxiar a súa paixón por este deporte aos/ás máis novos/as; sen dúbida é unha gran nova para Cervo –engadiu- “que o deporte, en calquera das súas facetas, forme parte do día a día da nosa mocidade”.

No campionato participarán o Club Deportivo San Ciprián, o EDM Cervo, o Aldebarán Ortigueira, o Xabarín Volei Lugo, o Aldebarán San Sadurniño e o Narón Volea, nas categorías infantil e xuvenil. Desde as 9.00 horas, xogaranse máis de dez partidos de xeito practicamente ininterrompido nas categorías anteriormente citadas, ata as 19.00 horas cando se prevé que sexa a entrega de trofeos e o acto de clausura coa entrega dos diplomas correspondentes como fin de curso das Escolas Deportivas Municipais. Desde o Concello de Cervo animan a toda á veciñanza a achegarse durante esta xornada ao Pavillón da Veiga a desfrutar dunha gran xornada de voleibol.

0.1714780330658