As praias de Foz e Burela xa contan coas súas bandeiras azuis como símbolo de calidade ambiental

As praias da Rapadoira, en Foz, e A Marosa, en Burela, locen as súas bandeiras azuis, un distintivo que recoñece a súa calidade ambiental, accesibilidade e servizos. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, foi o encargado de entregar oficialmente as insignias e participar nos izados que tiveron lugar en ambos areais.
Estes galardóns, concedidos pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), teñen carácter internacional e recoñecen o cumprimento dunha serie de criterios vinculados á sustentabilidade e á excelencia nos servizos que ofrecen as praias.
No caso de Foz, ademais da Rapadoira, tamén recibiron a bandeira azul os areais de Areoura, As Polas, Llas e Peizás. En Burela, onde a bandeira xa ondea tamén en O Portelo, suman dous os areais distinguidos este ano.
Ademais, no municipio burelés foron recoñecidos como centros azuis o Barco Museo Reina del Carmen e o Centro de Educación Medioambiental Gaia. Estes espazos, segundo destacou a Adeac, xogan un papel clave como aulas de natureza e do mar ou como centros de recepción de visitantes que promoven a educación ambiental a nivel local.
Durante o acto, Arias salientou que “A Mariña suma 25 recoñecementos outorgados por Adeac este ano”, dos cales 16 corresponden a praias, un ao porto deportivo de Ribadeo, dous a centros de visitantes en Burela e seis a rutas integradas no programa de sendeiros azuis.
A entrega das bandeiras azuis confirma o compromiso dos concellos mariñaos coa protección do medio ambiente e co impulso dun turismo sostible e de calidade.