As praias de A Marosa e O Portelo manteñen o servizo de socorrismo e tamén a bandeira azul

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
As praias de A Marosa e O Portelo manteñen o servizo de socorrismo e tamén a bandeira azul que lles foi outorgada por Adeac.
29 Xul 2020

As praias de A Marosa e O Portelo manteñen o servizo de socorrismo e tamén a bandeira azul que lles foi outorgada por Adeac. A de Ril quedou sen este galardón despois de que tres socorristas renunciasen ao contrato laboral asinado para a tempada de verán. A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, subliñou que será imposible cubrir as vacantes “por razóns de cautela, precaución e seguridade” e apostou por manter o servizo nos outros dous areais que contan con bandeira azul porque “presentan unha maior capacidade e un maior risco para as persoas usuarias”. 

Toñi Eijo explicou que “esta administración local comunicoulle formalmente á Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), a renuncia ao galardón Bandeira Azul que lle foi outorgado á praia de Ril, e procedemos ao arriado da devandita bandeira no referido areal. Todo elo como consecuencia da imposibilidade de dotar á mesma do servizo de salvamento, por mor da dimisión, desestimento ou renuncia ao contrato ou relación laboral de tres dos oito socorristas contratados para esta tempada de verán”. 

A concelleira de Medio Ambiente sinalou que “a estes efectos débese sinalar que, se ben o desexo da Corporación Local sería manter a plena cobertura do servizo de salvamento das tres praias galardoadas coa Bandeira Azul, porén, dadas as circunstancias sobrevidas referidas, e toda vez que, á data de hoxe, as esixencias formais e os prazos que establecen as normas do emprego público para a contratación do persoal socorrista, determinan que sexa imposible cubrir as prazas vacantes para esta tempada de baño 2020, por razóns de cautela, precaución e seguridade, estimamos que o máis oportuno é manter o referido servizo tanto na praia de A Marosa, como na de O Portelo, toda vez que as mesmas presentan unha maior capacidade e, o que é máis relevante, un maior risco para as persoas usuarias”. 

Eijo Silvoso manifestou que “sen prexuízo do anterior, o Concello de Burela, con carácter xeral, e, de xeito particular, a súa Concellería de Medio Ambiente, asumen o compromiso de manter e mellorar a calidade ambiental e a dos servizos dos areais do noso termo municipal, así como seguir promovendo e controlando a seguridade e a hixiene no seu goce e desfrute, nun contexto tan complexo como o actual, onde debe prevalecer o interese superior da saúde pública sobre calquera outro, para afrontar con garantías a situación de emerxencia sanitaria que estamos sufrindo como consecuencia da enfermidade infecciosa do covid-19”. 

A edil burelesa fai un chamamento aos usuarios e usuarias dos areais de Burela: “neste sentido, esta Corporación insta novamente ás persoas usuarias das praias do noso municipio, a que actúen con responsabilidade á hora de permanecer e desfrutar dos nosos areais, así como á hora de utilizar as súas instalacións e servizos, cumprindo escrupulosamente as concretas normas e medidas hixiénico-sanitarias impostas polas autoridades sanitarias”.  

Toñi Eijo tivo tamén palabras de agradecemento para Adeac: “finalmente, agradecer a ADEAC, e ao Xurado Internacional Bandeira Azul, as distincións outorgadas a este Concello, e a súa comprensión ante as dificultades de xestión sobrevidas que determinaron a renuncia do referido galardón concedido á praia de Ril; así como tamén agradecer ao persoal desta Administración local, -socorristas, protección civil, Policía Local, monitoras do Centro de Educación Medio Ambiental Gaia, responsable do Barco Museo Reina del Carmén, etc -, a toda á veciñanza burelá e a todas as persoas que nos visitan acotío, o seu compromiso e o seu bo actuar, nun contexto tan complexo e incerto como o que estamos atravesando derivado da emerxencia sanitaria que estamos a sufrir”.

0.20793294906616