'As pitas baixo a choiva' chega á Casa da Cultura de Burela

A Casa da Cultura de Burela acollerá o vindeiro sábado 8 de marzo ás 18:00 horas a representación de 'As pitas baixo a choiva', unha peza teatral de Pepablo Patiño baseada nun relato do escritor e intelectual galego Ricardo Carvalho Calero.
A obra, presentada pola compañía Teatro dos Ghazafelhos, está dirixida a un público familiar e ofrece unha adaptación escénica dun dos textos máis coñecidos do autor. Con humor, sensibilidade e unha posta en escena chea de cor, a representación mergullará aos espectadores nunha historia evocadora que combina tradición e modernidade.
A entrada ten un prezo de 3 euros e as entradas poderán adquirirse no propio recinto. O evento conta co apoio da Xunta de Galicia, a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, ademais do Concello de Burela.