As pistas homologadas do Complexo Deportivo da Veiga, en San Cibrao, xa están operativas
O Concello de Cervo remata as obras das pistas de atletismo no Complexo Deportivo da Veiga, en San Cibrao, sendo así únicas pistas homologadas de atletismo da Mariña, das que farán uso os dous clubs locais de atletismo.
A rexedora, Dolores García Caramés, e o edil de Deportes, David Rodríguez, mantiveron un encontro cos directivos do Club Deportivo San Cibrao e o Maderas Barcia Cervo. Estas entidades farán uso das instalación, polo momento, en exclusiva “nunha primeira toma de contacto coas pistas para que sexan eles os primeiros en poñer en práctica as normas de uso da instalación municipal que entre todos e todas debemos coidar para garantir o seu futuro e o seu mantemento”, expresou a rexedora.
Así mesmo, Caramés anunciou que o próximo 31 de outubro será a inauguración oficial das pistas de atletismo. “Ese día teremos o privilexio de ter con nós ao atleta Adrián Ben”, sinalou. O edil de Deportes tamén quixo ter unhas palabras de agradecemento pola súa disposición, “xa que desde o minuto un quixo estar con nós neste día tan importante para Cervo; é todo un orgullo que un atleta con ese incrible palmarés, inaugure estas pistas que poñemos, por suposto, á súa enteira disposición, como así llo trasladamos, loxicamente”.
A rexedora, quixo expresar unha vez máis “a satisfacción enorme” de ver como Cervo se converte no epicentro do atletismo da Mariña e fixo fincapé na colaboración e implicación da veciñanza para salvagardar as instalacións. Esta puidéronse materializar “grazas á optimización dos recursos deportivos existentes e á inestimable colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte”.